
EN QUE CONSISTE O PROGRAMA?
Xuventude Mentoring na Empresa é un programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude orientado a reforzar a formación práctica das persoas mozas e a incrementar as súas posibilidades de inserción laboral a través de estadías formativas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Trátase dun programa cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude) e pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
FINALIDADE XERAL E OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
A finalidade deste programa é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Os obxectivos específicos do programa Xuventude Mentoring na Empresa son:
- Potenciar os programas de educación non formal nos que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual.
- Achegar ás persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal.
- Crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil.
- Favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.
Os sectores económicos que a Xunta de Galicia considera estratéxicos e nos que deben operar as empresas que acollan aos mozos e mozas seleccionados no programa son os seguintes:
- Agroalimentación
- Automoción
- Biotecnoloxía
- Automoción
- Enerxías renovables
- Madeira/Forestal
- Metalmecánico
- Naval
- Pedra natural
- Téxtil/Moda
- Tecnoloxías da información e a comunicación (TICs)
- Calidade de vida e benestar
A QUEN VAI DIRIXIDO?
Os/as destinatarios/as finais do programa Xuventude Mentoring na Empresa son as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), que é de 30 anos.
- Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
- Estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
QUE INCLÚE O PROGRAMA?
A través do programa Xuventude Mentoring na Empresa, a Asociación de Empresari@s de Deza proporcionaralles ás 12 persoas mozas seleccionadas como participantes o seguintes beneficios:
- As persoas mozas participantes recibirán unha bolsa de formación cun importe de 690,67 euros mensuais, que poderán incrementarse en 100 euros nos casos de persoas con discapacidade e noutros 100 euros para desprazamentos, cando a estadía non sexa no concello de residencia do/a participante.
- Recibirán unha formación complementaria de 60 horas lectivas e titorización durante as estadías.
- As horas formativas nas entidades ou empresas nas que se realizarán as estadías terán unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días semanais.
COMO INSCRIBIRSE?
As persoas mozas interesadas en inscribirse no programa Xuventude Mentoring na Empresa deben cubrir o formulario anexo e entregalo persoalmente na sede da AEDEZA (Rúa Otero Pedrayo, 24 – Lalín) ou envialo por correo electrónico ao enderezo asociacion@aedeza.com entre os días 27 e 31 de agosto de 2025.
MÁIS INFORMACIÓN
- SEDE DA AEDEZA: Rúa Otero Pedrayo, 24 – Baixo, Lalín
- Teléfono: 986 78 70 91
- Correo electrónico: asociacion@aedeza.com

