O Restaurante La Molinera de Lalín proclamouse gañador da décimo quinta edición do concurso de tapas “Deztápate”, organizado pola Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA). A súa tapa “Champiñón x 4” fíxoo merecedor do primeiro premio outorgado polo público e consistente nun diploma e un ano da cota de asociado da AEDEZA gratis.
No acto de entrega de premios celebrado esta tarde na sede da asociación, o presidente da AEDEZA, Ramiro Mejuto, fixo entrega do primeiro premio e foi tamén o encargado de anunciar que Siglo XXI Tapería Bar, resultou merecedor do segundo premio coa súa tapa “Pink Panther”, seguido de Pensión Las Palmeras, en terceiro lugar, coa súa tapa “Follas de Bifana”. Nestes casos, o segundo premio consistiu nun diploma e seis meses da cota de asociado gratis e o terceiro, nun diploma e tres meses da cota de asociado gratis.
Na súa intervención, Ramiro Mejuto lembrou que nesta décimo quinta edición participaron 10 establecementos, dos cales oito eran de Lalín, un de Vila de Cruces e un de Rodeiro. Entre todos, durante os 11 días nos que se celebrou o concurso, serviron un total de 4.156 tapas, xerando un volumen de negocio de 12.588 euros só polas tapas vendidas.
Segundo indicou o presidente, a media global de tapas servidas cada día do certame foi de 378, cunha media de 56 tapas diarias por cada local. En canto aos números absolutos por establecemento, oscilaron entre as 66 tapas do restaurante que menos vendeu e as 900 do que máis.
Ramiro Mejuto remarcou que iniciativas como o “Deztápate” serven para “seguir demostrando que en Lalín, particularmente, e en toda a Comarca de Deza, en xeral, hai un nivel especialmente alto no sector da hostalaría e a restauración”.
Ademais, o presidente da AEDEZA agradeceu “a implicación e a xenerosidade” das marcas colaboradoras, como Viños Manuel Gil e Distribuciones Javier Vázquez, que achegaron os 23 agasallos sorteados entre os participantes que completaron todo o percorrido das tapas, así como do Concello de Lalín, que tamén colaborou co certame a través do convenio anual e que estivo representado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Comercio, Bea Canda.
Trala entrega de premios, o persoal técnico da AEDEZA procedeu a realizar o sorteo dos 23 agasallos achegados polas dúas marcas colaboradoras, resultando premiadas as seguintes persoas:
PREMIOS CEDIDOS POR DISTRIBUCIONES JAVIER VÁZQUEZ
- Xantar ou cea no Pazo de Toubes (Cenlle) para dúas persoas: Montse Taboada
- Seis botellas de viño tamaño magnum de Viña Pomal (1 botella por persoa): Octavio Antoñón, Mercedes Faílde, José Fontao, María Jeremías, María Belén Portas e José Luis Ramos
- Seis botellas de viño tamaño magnum de Legaris (1 botella por persoa): Javier Cuiña, Adriana Fernández, David Fernández, Pablo Nogueira, Luis Sánchez e Javier Sueiro
PREMIOS CEDIDOS POR VIÑOS MANUEL GIL
- Cinco estoxos, con dúas botellas de viño cada un, da Adega Don Bernardino, da D.O. Ribeira Sacra – Amandi (1 estoxo por persoa): José Carlos Calvo, María J. Faílde, Pablo Mariño, Sandra Rodríguez e José Torres
- Cinco botellas de viño tamaño magnum de Belezos, de Bodegas Zugober (1 botella por persoa): Luis Carral, Carlos Castro, Ángeles González, Rosa Saco e Marta Taboada








