O presidente en funcións da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA), David Campos, anuncia que o empresario Ramiro Mejuto Pumar, fundador da firma Megodeza S.L.U., comunicoulle a súa intención de encabezar unha candidatura á presidencia da asociación, que formalizará antes de que remate o prazo este vindeiro xoves.
Ramiro Mejuto trasladoulle a David Campos que tomou a iniciativa de conformar unha lista para sucedelo “impulsado e arroupado por un grupo de asociados que considera necesario darlle continuidade ao excelente traballo realizado pola asociación nos últimos mandatos”. Segundo adiantou, estes días está a realizar xestións con diferentes asociados para completar o equipo que desempeñará os distintos cargos da xunta directiva, de forma que sexa representativa de boa parte dos municipios da comarca e tamén dos principais sectores produtivos.
David Campos lembra que, tras quedar deserta a primeira convocatoria electoral, o prazo para formalizar a presentación de candidaturas nesta segunda convocatoria remata este xoves día 23. Ao día seguinte, tras avaliar que cumpren todos os requisitos, proclamaranse as candidaturas presentadas e, no caso de que non haxa máis que unha lista, o día 25 confirmarase a nova xunta directiva.
Ramiro Mejuto (Agolada, 1961) fundou en 1986 a empresa Electricidade e Automatización Mejuto e en 1992 a firma Megodeza S.L.U., convertida nun referente no deseño e desenvolvemento de sistemas de refrixeración industrial, instalacións frigoríficas e solucións de alta eficiencia enerxética, contando entre os seus clientes con grandes compañías líderes no sector dos produtos perecedoiros.
Ao longo da súa traxectoria empresarial desenvolveu numerosos proxectos de I+D+i e conta con varias patentes, chegando a ser recoñecido o seu labor no eido da innovación tecnolóxica con premios e distincións como o outorgado pola Asociación de Emopresas del Frío y sus Tecnologías (AEFYT) en Madrid. A nivel local, Ramiro Mejuto recibiu tamén a distinción de Lalinense do Ano en 2011 e este mesmo ano foi nomeado Comendador do Cocido.








