A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) é unha organización independente e sen ánimo de lucro creada en 1993 co cometido principal de defender os intereses conxuntos dos seus asociados e asociadas, fundamentalmente empresas e autónomos procedentes dos seis concellos da Comarca de Deza e doutros municipios da contorna. Na actualidade, a AEDEZA aglutina a 356 asociados/as que operan en 27 subsectores de actividade.
Os estatutos da AEDEZA establecen como obxectivos xerais o favorecemento de escenarios idóneos para mellorar a competitividade, a xeración de oportunidades de negocio entre os/as socios/as, o fomento e o desenvolvemento do tecido empresarial na comarca e o achegamento do mundo da empresa á comunidade na que participa.
Ademais, a AEDEZA tamén exerce a representación institucional do empresariado dezano en media ducia de colectivos sectoriais e profesionais: a Confederación de Empresarios de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Federación Galega de Comercio, a Federación Provincial de Comercio de Pontevedra, a Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra e a Federación Galega de Transporte de Mercancías.
A iniciativa da creación da Asociación de Empresari@s de Deza forxárase durante o ano 1992 e consolidárase formalmente ao ano seguinte, sendo os empresarios fundadores Ángel Fernández Presas, José Vázquez Diéguez, José Blanco Fernández, Ernesto García Rilova, José Ramón González López, Florentino Cacheda López, Andrés Otero Vázquez, Natalio García Carral, Antonio Framiñán Taboada, César Sánchez González e Manuel José Montoto Rodríguez.