Skip to main content
ActualidadeCampañasComercio

O xurado do Concurso de Escaparates de Nadal outorga a “El Gato Presumido” o primeiro premio

By 30/12/2021Xaneiro 3rd, 2022No Comments

O xurado do Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín decidiu outorgarlle a El Gato Presumido o primeiro premio desta edición, consistente nun diploma e na cota de asociado gratuíta durante un ano.

O segundo premio -un diploma e seis meses da cota de asociado gratis- foi para El Vestidor de Chloé e o terceiro, para Guerra -un diploma e tres meses da cota de asociado gratis-, mentres que Panadería Serra do Candán recibirá un diploma como mención especial.

Nesta edición do concurso, o xurado estivo conformado pola secretaria técnica da AED, Chus García; a concelleira de Comercio, Karen Fernández; e María Helena González Lois, docente na área de Comercio do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Tras visitar os 20 comercios participantes o pasado día 22 de decembro, as integrantes do xurado emitiron o seu veredicto atendendo a criterios de orixinalidade e innovación, iluminación comercial e exposición do propio produto.

Aprazamento de actividades

Por outra banda, a AED acordou hoxe pospoñer “ata novo aviso” as actividades de dinamización previstas para o domingo, o luns e o martes no marco da campaña “O Nadal de Lalín… mola”, debido á predición de chuvia e á evolución da Covid-19 cun notable incremento de casos. Así, os obradoiros de xogos populares, graffiti e danza urbana, xunto co anteriormente cancelado de fútbol freestyle e a actuación musical de Perros de antes, celebraranse en novas datas que se anunciarán con suficiente antelación.

Finalmente, desde a AED aprovéitase para felicitar ao asociado Proquideza pola súa iniciativa de apoio ao comercio local consistente en substituír o gasto da tradicional cea de Nadal cos empregados, que foi cancelada debido á Covid-19, por vales de compra de 100 euros para gastar nos comercios asociados á AED.