Skip to main content
Actualidade

O Programa Integrado de Emprego da AED acada un 45% de inserción a dúas semanas do seu remate

By 27/10/2021Outubro 29th, 2021No Comments

O presidente da Asociación de Empresari@s de Deza (AED), Antonio Lamas, salientou hoxe durante un encontro coas alumnas do Programa Integrado de Emprego (PIE) o “exitoso balance” desta iniciativa ao conseguir un índice de inserción laboral do 45% cando aínda faltan dúas semanas para o seu remate.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, o presidente da AED subliñou que “45 participantes do PIE atoparon un emprego a xornada completa cunha duración mínima de tres meses, se ben durante o último ano ata un total de 71 participantes chegaron a conseguir un contrato laboral”.

En base a estes datos, Luis López destacou “o éxito laboral” do PIE coordinado pola asociación e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade cunha aportación de 250.000 euros. “A AED é un exemplo a seguir e o seu esforzo e implicación na mellora da calidade de vida da xente é digno de admiración”, sinalou o delegado territorial, antes de poñer en valor “o enorme traballo da asociación durante as tres últimas décadas para impulsar o crecemento das empresas e a creación de emprego na bisbarra, o que permitiu que milleiros de veciños e veciñas atoparan un traballo”.

“A Xunta de Galicia ten un compromiso decidido co emprego nas comarcas de Deza e Tabeirós, xa que é algo fundamental para ter unha vida digna e de calidade e, por iso, artellamos accións formativas e de inserción para máis de 500 persoas destas dúas bisbarras entre os catro obradoiros de emprego recén iniciados, os 23 cursos AFD que están a arrancar en diversos centros de Lalín, Silleda e A Estrada e este Programa Integrado de Emprego”, conluíu Luis López.