Skip to main content
Actualidade

Luis López anuncia a concesión dun Programa Integrado de Emprego á AED para un cento de desempregados

By 22/11/2021Novembro 24th, 2021No Comments

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá en Dozón que a Consellería de Emprego e Igualdade vai activar outra nova iniciativa laboral na comarca coa concesión dun Programa Integrado de Emprego (PIE) á Asociación de Empresari@s de Deza (AED) para favorecer a inserción e mellorar as oportunidades de traballo dun cento de desempregados.

O representante autonómico informou desta nova actividade de formación para a zona, acompañado da xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, nunha visita ao obradoiro de emprego dual Freixo, que se imparte en Dozón e que tamén beneficia aos concellos de Rodeiro e Agolada. No seu encontro co equipo docente e os alumnos-traballadores estivo acompañado polo alcalde anfitrión, Adolfo Campos, e polo seu homólogo de Rodeiro, Rubén Quintá.

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación nestas comarcas do interior, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno xunto á sanidade e a educación. Por iso, e con este novo Programa Integrado de Emprego, teremos activadas preto dunha trintena de iniciativas, entre as que se inclúen catro obradoiros e 23 cursos AFD, orientadas a mellorar as opcións de traballo de máis de 500 persoas desempregadas nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes”, detallou o representante autonómico, que contactou telefonicamente co presidente da AED, Antonio Lamas, para informarlle desta concesión.

O PIE outorgado á Asociación de Empresari@s de Deza, que dá continuidade á anterior edición clausurada hai dúas semanas coa presenza do propio delegado territorial, conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 45% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses ao tempo que contará coa colaboración de 13 empresas da contorna.

“A patronal dezá é unha das máis importantes de Galicia e leva trinta anos de traxectoria a prol da industria, as pemes, o comercio, a hostalaría e o emprego e por iso a concesión dun PIE xa é un clásico por parte da Xunta porque presenta proxectos tecnicamente moi valorados, conta cunhas magníficas instalacións, coñece perfectamente o mercado e as necesidades das empresas e ademais sempre cumpre cos ratios de inserción”, engadiu o representante autonómico.