A décimo quinta edición do Concurso de Tapas “Deztápate” organizado pola Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) arrinca mañá e prolongarase ata o día 30 de agosto coa participación dun total de dez establecementos hostaleiros e con varias novidades respecto á pasada edición.
Os locais participantes e as tapas coas que competirán son os seguintes: Alola (“Trilero, dónde está la bolita”), Cabanas Restaurante (“Toma Ti!”), Café Gastrobar Desito (“El jardín del cocinillo”), Casa Currás da Praza da Igrexa (“Mar envolto”), Casa San Martín (“Saca Meigallo!”), Hotel Balneario Baños da Brea (“A nosa barquiña”), Nigiri de Kontique (“Calimero – Ei”), Pensión Las Palmeras (“Hojas de Bifana”), Restaurante La Molinera (“Champiñón x 4”) e Siglo XXI Tapería Bar (“Pink Panther”).
O prezo das tapas que servirá cada local manterase en tres euros -bebida aparte- e este ano incorpórase a novidade do selo “Volante Dourado”, co que nos establecementos ubicados fóra do centro urbano de Lalín -Casa San Martín, no Corpiño; Café Gastrobar Desito, en Rodeiro; e Hotel Balneario Baños da Brea, en Vila de Cruces- a persoa que conduza un vehículo con catro ou máis ocupantes será convidada á tapa. Esta medida pretende incentivar a afluencia aos locais máis alonxados, facéndoa compatible cunha condución responsable.
Outra das novidades previstas pola AEDEZA é a organización dun showcooking en Lalín os días 25, 26 e 27 con varios dos establecementos participantes, que será amenizado con música ambiente e, concretamente o día 27, coa música en vivo de Dani Barreiro.
En canto á mecánica do concurso, será a mesma que en edicións anteriores: só poderán participar clientes maiores de idade, que recibirán unha papeleta de votación na que deberán recompilar o selo de cada local participante a medida que degustan a correspondente tapa. Nesa papeleta deberán puntuar as tres tapas preferidas -con tres puntos a mellor, dous puntos a segunda e un punto a terceira- e a clasificación final das tapas gañadoras obterase sumando todos os puntos. Os locais gañadores recibirán un diploma acreditativo e distintas bonificacións nas cotas de asociado da AEDEZA: o primeiro, un ano gratis da cota de asociado da AEDEZA; o segundo, medio ano gratis; e o terceiro, un trimestre gratis.
Respecto aos premios para os clientes, entre todos aqueles que entreguen o seu “pasaporte” completo cos selos de todos os establecementos participantes sortearanse 23 premios cedidos por entidades colaboradoras: un xantar ou unha cea no Pazo de Toubes, en Cenlle, para dúas persoas, patrocinado por Distribuciones Javier Vázquez, a través da Adega Viña Costeira; seis botellas magnum de “Viña Pomal” e seis botellas magnum de “Legaris”, todas achegadas por Distribuciones Javier Vázquez; cinco estoxos con dúas botellas cada un de “Adegas Don Bernardino” e cinco botellas magnum de “Belezos”, das Bodegas Zugober, todos eles cedidos por Viños Manuel Gil.


















