O presidente saínte da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA), David Campos, e o seu sucesor, Ramiro Mejuto, mantiveron esta mañá un encontro na sede da asociación para formalizar o traspaso de poderes e competencias, despois de que o pasado venres quedara validada e proclamada a nova Xunta Directiva.
Na reunión, á que tamén asistiu o novo vicepresidente, Manuel Gómez, o presidente saínte brindoulle á nova Xunta Directiva “todo o apoio que precise para que a AEDEZA siga a ser unha organización empresarial de referencia a nivel provincial e galego” e compartiu que “entre os proxectos pendentes quedaron un para incorporar a intelixencia artificial ao funcionamento cotiá de moitas empresas e outro para axudar ao tecido empresarial a captar talento e man de obra cualificada”.
Pola súa parte, Ramiro Mejuto recoñeceu o compromiso e o labor de David Campos na AEDEZA durante os últimos 14 anos, tanto como directivo como presidente, e agradeceu tamén publicamente o traballo realizado no último mandato pola directiva saínte.
O novo presidente anticipou que, tendo en conta a coincidencia coas vacacións estivais, empregará o mes de agosto para coñecer en profundidade a dinámica interna de funcionamento da AEDEZA e xa a comezos de setembro convocará a primeira reunión da Xunta Directiva para comezar a planificar tanto as accións a curto prazo para o último cuadrimestre do ano como os obxectivos a medio e longo prazo para os catro anos de mandato.
Ademais, avanzou a súa intención de iniciar unha rolda de contactos institucionais nos concellos da comarca, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e outras entidades para xestionar novos apoios e proxectos para a asociación.








