Reproducimos integramente a intervención de David Campos Cortés na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada onte, na que se despediu da AEDEZA tras 14 anos como membro de diferentes xuntas directivas, os últimos catro anos como presidente:
Compañeiros da xunta directiva, socios, colaboradores, amigos. Boas tardes a todos.
Hoxe diríxome a vós cunha mestura de sentimentos moi profunda. Estar aquí, nesta sala, non é un momento máis na miña vida; é o peche dun capítulo que definiu quen son durante os últimos catorce anos. Catorce anos da miña vida dedicados a esta casa, a Asociación de Empresarios/as de Deza, nosa querida AED.
Pero antes de repasar estes catorce anos e de facer balance do que foi a miña etapa na asociación, necesito determe en algo que me preocupa, e moito.
A día de hoxe, non temos constancia de que ningún socio manifestase a súa intención de configurar unha nova xunta directiva e poñerse a cargo da AED. E iso, serei claro, non me parece ben.
Esta asociación leva máis de trinta e tres anos ao servizo do tecido empresarial da nosa comarca. Trinta e tres anos construíndo unha institución que hoxe é, sen esaxeración, unha referencia en Galicia. E unha institución así non se sostén soa. Sostense porque hai persoas que deciden dar un paso á fronte, que antepoñen o ben común ao tempo libre, que asumen unha responsabilidade que ninguén lles obriga a asumir. Son perfectamente consciente de que é un traballo pouco agradecido e, desde logo, mal pago, pois os membros da xunta directiva non perciben remuneración algunha polo seu labor. Pero pódovos asegurar, despois de catorce anos nestas xuntas, que un se leva algo que non ten prezo: a satisfacción de contribuír, aínda que sexa en pequena medida, á mellora do tecido produtivo da nosa comarca.
A AED perténcenos a todos. A cada un dos socios que a integran, ás empresas que a sosteñen, aos traballadores que a fan funcionar día a día. E precisamente por iso, porque é nosa, necesitamos que alguén a lidere. Necesitamos que haxa socios dispostos a comprometerse, a implicarse, a dar ese paso que eu dei hai catorce anos e que non me arrepinto de dar nin un só instante. Pídovos, con toda a humildade e con toda a firmeza da que son capaz, que reflexionedes sobre iso. Esta asociación merece continuar. A nosa comarca merece que continúe.
Quero empezar sendo moi sincero con todos vós. Todo o que vou dicir hoxe aquí non é unha doutrina, nin pretende ser unha verdade absoluta. É, simplemente, a miña opinión. Unha opinión honesta, forxada a pé de obra durante máis dunha década na asociación, tras ver, vivido e compartido os problemas, os desvelos e as esperanzas de todos e cada un dos sectores empresariais da nosa comarca. En ningún caso pretendo dar leccións a ninguén sobre o que se debe ou non se debe facer. Seguramente, moitos pensarán que non estou en disposición de dar esas leccións, e teñen razón. Por iso, pídovos que recibades as miñas palabras como o que son: a reflexión sincera dun compañeiro que intentou sumar desde o primeiro día.
A miña andaina na AED comezou no xa afastado ano 2012. Entrei na xunta directiva da man do meu primo, o entón presidente, Alejandro Campos. Ingresei como vogal cunha única intención: botar unha man. Eran tempos extremadamente difíciles. Viviamos os peores anos da crise financeira global iniciada en 2008, e a asociación sufría unha baixada abrupta e dolorosa no número de socios. Había que resistir, xestionar con lupa e manter o barco á boia.
Dous anos despois, en 2014, produciuse un cambio de dirección. Antonio Lamas asumiu a presidencia e volveu confiar en min para acompañarlle na tarefa de marcar o rumbo da AED. Estiven dous anos como tesoureiro e, posteriormente, seis anos como vicepresidente. Foron oito anos de intenso traballo axudando á asociación para seguir levantándose da crise precedente. Anos duros e, en certos momentos, convulsos.
Finalmente, hai catro anos, asumín a inmensa responsabilidade de presidir esta asociación. Cando iniciei esta etapa como presidente, tiña un obxectivo primordial que quería converter na nosa punta de lanza: quería que a AED fose un referente indiscutible en formación para todo tipo de empresas. Quería unha formación útil, de calidade e adaptada aos novos tempos, dirixida tanto a directivos como a empregados, abarcando desde o ámbito fiscal e laboral ata as novas tecnoloxías e a dixitalización.
Hoxe, miro atrás con orgullo e podo dicir que o conseguimos. A Asociación de Empresarios de Deza é actualmente un referente formativo. Impartimos centos de horas de formación cada ano, chegando a todos os sectores e postos de traballo, respondendo de xeito áxil a todo aquilo que os nosos socios nos demandan.
Pero se hai algo que de verdade me levo comigo no corazón, é algo que vai máis aló das cifras e os cargos. Ao longo da miña etapa como vicepresidente e, sobre todo, como presidente, tiven o privilexio de axudar a nivel particular a pequenas empresas e autónomos da nosa comarca. Axudeilles a renegociar débedas, a mellorar a xestión das súas contas e a poñer en marcha proxectos que non sabían como sacar adiante. Eses nomes, esas caras de alivio e agradecemento de pequenos empresarios que vían unha luz ao final do túnel, lévomos comigo para sempre. Ese foi o verdadeiro soldo da miña presidencia.
Con todo, presidir unha asociación como a nosa tamén che ensina que non todo depende da vontade dun. Hai batallas de longo percorrido que non se pechan nun mandato. Durante todos estes anos, mantivemos o foco en tres cuestións fundamentais para o desenvolvemento da nosa comarca que todos coñecedes amplamente.
A primeira delas é a AP-53. Tras anos de loita incansable, logramos avances para abaratar o custo desta autoestrada. Pero non é suficiente. A nova xunta directiva debe seguir pelexando con firmeza para lograr o que de xustiza correspóndenos: que a AP-53 deixe de ser, dunha vez por todas, unha autoestrada de peaxe.
A segunda é a do chan industrial, vital para o crecemento das nosas empresas. Vanse dando pasos, e parece que a ampliación do polígono Lalín 2000 por fin vai cara adiante. Esperemos, de corazón, que sexa máis pronto que tarde, porque a nosa industria non pode esperar.
E a terceira é o proxecto de pobo en Lalín. No ano 2016, realizamos un estudo exhaustivo sobre a situación do comercio que expuña accións crave que debían executar as administracións públicas para revitalizar o sector. En 2023 actualizamos ese estudo. O resultado? Case unha década despois, non se fixo practicamente nada. Isto non é unha tarefa pendente para a próxima xunta directiva; é unha tarefa pendente e urxente para as administracións. Como lle dixen fai non moito nunha entrevista á miña boa amiga Amelia Ferreiroa: “Eu non sei se esta é a solución máxica a todos os nosos problemas, nin son quen para dar leccións a ninguén, pero si teño unha cousa clara: se facemos o mesmo de sempre, imos obter os resultados de sempre”.
A estes tres temas históricos súmanse dous proxectos máis recentes que me doe profundamente deixar no tinteiro. En 2024, puxemos en marcha unha plataforma virtual con tecnoloxía de vangarda para dar formación en liña e facilitar reunións virtuais aos nosos socios. A nosa idea era xerar ingresos propios para a asociación impartindo cursos a nivel rexional e nacional, empezando hai dous anos cun curso pioneiro de Intelixencia artificial. Hoxe en día, estes cursos abundan en calquera esquina, pero naquel momento non había ningún. Necesitabamos unha axuda de 25.000 euros para arrincar. A día de hoxe, por falta dese apoio, o proxecto segue parado. E dígoo con toda a convicción desta xunta directiva saínte: de conseguir esa axuda no seu momento, hoxe a AED podería ser unha referencia a nivel nacional entre todas as asociacións de empresarios en materia de formación en intelixencia artificial. Perdeuse unha oportunidade de ouro que non volverá repetirse nas mesmas condicións.
O segundo proxecto que queda sen pechar é o da atracción de talento á nosa comarca. Propuxemos ás administracións un plan da man de dúas consultoras de recoñecido prestixio internacional, que analizarían a oferta laboral existente, buscarían candidatos e formaríanos para integrarse directamente nas empresas da comarca. Para iso só necesitabamos unhas instalacións adecuadas para a formación e as prácticas das persoas seleccionadas. Tampouco conseguimos nada.
Vou cun sabor amargo por estes dous proxectos, porque non me gusta deixar as cousas a medias, e menos cando o beneficio para a nosa comarca era tan evidente. Pero quero deixar algo moi claro: estes dous proxectos seguen encima da mesa da AED. O camiño xa está en parte trazado e poden poñerse en marcha no momento en que se consiga o apoio necesario. Ambos responden a dous dos problemas máis urxentes que afrontan hoxe as nosas empresas: a dificultade para atopar man de obra cualificada e a necesidade de incorporar a intelixencia artificial aos procesos produtivos. Isto último non é algo menor; ou adaptámonos, ou quedámonos atrás. Na miña opinión, estes deberían ser os cabalos de batalla principais dos novos dirixentes da AED, e ofrézolles, desde xa, toda a miña colaboración para axudalos a poñelos en marcha.
Na AED sempre presumimos da nosa máxima disposición a colaborar con todas as administracións públicas: os Concellos —especialmente o de Lalín por albergar a nosa sede—, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Xamais denegamos unha colaboración cando se nos pediu. Por iso, resúltame doloroso e incomprensible ver como o apoio destas administracións aos proxectos propios da asociación foi diminuíndo exponencialmente nos últimos anos.
Quero ser franco, porque non vin aquí a maquillar a realidade. Coa Deputación de Pontevedra, nestes últimos catro anos, non logramos sacar adiante nin un só proxecto, nin coa anterior presidencia nin coa actual.
Coa Xunta de Galicia a relación é fluída, pero limítase case exclusivamente a executar os proxectos que eles mesmos deseñan e lanzan por concorrencia competitiva; son os seus proxectos, non os nosos. Desde aquí quero pedirlle á Xunta de Galicia que estude os nosos proxectos, aquí xorden boas ideas que axudan a solucionar os problemas que nos atopamos nas empresas, pois somos nós os que máis preto estamos das mesmas. Os nosos proxectos complementan ás boas iniciativas da Xunta que xa axudamos a poñer en marcha desde aquí.
E respecto ao Concello de Lalín, aínda que agradecemos a súa disposición e entendemos as dificultades orzamentarias, a realidade é que o seu apoio financeiro aos nosos proxectos caeu drasticamente nos últimos tres anos, reducíndose a apenas un 10% do que recibiamos historicamente.
Isto non é unha queixa persoal sobre como se me tratou a min. É unha chamada de atención institucional. A AED é unha das institucións empresariais máis importantes da provincia de Pontevedra. Por iso, pido ás tres administracións que esta tendencia se reverta. Pido que a colaboración coa nova xunta directiva creza e non se vexa mermada como ocorreu nestes últimos anos. O éxito da AED é o éxito de toda a comarca.
Chega o momento de mirar os ollos a quen fixo posible esta viaxe.
O primeiro agradecemento é para vós, os socios. Grazas pola vosa confianza ao permitirme estar a cargo desta asociación durante estes catro anos. E quero agradecérvolo de xeito especial, porque son consciente de que esa confianza non sempre foi sinxela de manter. Houbo momentos, circunstancias por todos coñecidas, nos que esa confianza puido verse mermada. O feito de que seguísedes aquí, apoiando o traballo desta xunta directiva, di moito de vós e do que é a AED. Grazas de verdade.
Quero dar as grazas tamén a toda a prensa da comarca. Foi un verdadeiro pracer traballar con todos vós. O voso labor de dar voz aos empresarios e aos proxectos da AED foi fundamental, e sempre estivestes aí con profesionalidade e proximidade. Moitas grazas.
Quero agradecer tamén a todas as administracións públicas —Concellos, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra— o seu trato e a súa colaboración ao longo destes anos. A relación institucional con todas elas foi sempre correcta e respectuosa. Neste tipo de traballo, hai proxectos que saen adiante e outros que non, pero iso forma parte da natureza da xestión pública e non embaza en absoluto a calidade humana e institucional das persoas coas que tivemos a honra de traballar. Grazas a todos.
Quero dar as grazas aos dous presidentes cos que compartín andaina: a Alejandro Campos e a Antonio Lamas Carral. Grazas pola vosa confianza e, sobre todo, por empuxarme a dar o paso: primeiro para incorporarme a esta asociación e despois para quedar nela. Sen ese empuxe, nada do que vivín aquí sería posible. Grazas tamén a todos os membros das xuntas directivas anteriores das que formei parte; cada debate e cada decisión compartida foi unha lección de vida.
Quero expresar a miña gratitude máis profunda aos membros da miña xunta directiva actual, que me acompañastes estes catro anos. Grazas polo voso tempo, o voso esforzo e o voso compromiso. Pídovos desculpas polos fallos que puidese cometer a cargo da asociación; sei que moitas cousas poderíanse facer mellor, pero asegúrovos que sempre actuei buscando o maior beneficio para a AED. Podemos irnos coa cabeza moi alta e orgullosos do traballo realizado.
E neste punto, permitídeme un par de mencións especiais: a primeira para as mozas da comisión de comercio, auténticas arquitectas, deseñadoras e responsables da organización de todas e cada unha das campañas comerciais destes catro últimos anos: Sandra Vilar, Jéssica González e Meritxell Silva García, moitísimas grazas. A segunda mención é para Jaime Pereira Gil, o meu vicepresidente. Jaime, o teu dinamismo, a túa enerxía e as túas ganas constantes de achegar fixeron que este camiño, que ás veces se fai moi costa arriba, fóra moitísimo máis doado. Grazas de corazón.
Grazas tamén a Alberto José Rey Basteiro, o noso responsable de comunicación, unha persoa que se volveu absolutamente indispensable para o día a día e o brillo desta asociación.
Quero dar as grazas a todos os empregados da AED cos que tiven a sorte de traballar ao longo destes catorce anos, incluíndo a aqueles que xa non están a traballar connosco pero que deixaron a súa pegada nesta casa. E, moi especialmente, ás persoas que foron as miñas mans, os meus ollos e o meu apoio diario durante estes catro anos de presidencia: Yolanda, Cris, Noelia, Dani e Ana.
Grazas pola vosa profesionalidade, a vosa paciencia infinita e a vosa dedicación.
E para rematar… Chus García Diéguez. A nosa xerente. Chus, ti facilitas o traballo dun xeito que é imposible de explicar para calquera que non estivese neste cargo. Ti non es simplemente unha traballadora da AED. Chus, ti es a AED. Moitas grazas por todo o que me deches e por todo o que lle dás a esta asociación día tras día.
Vou coa tranquilidade do deber cumprido, coa satisfacción de servir á miña comarca e aos seus empresarios, e co corazón cheo de gratitude. A AED queda lista para seguir sendo o motor da nosa comarca.
Moitas grazas a todos, e, como se di por aí, vémonos polos bares. Ata sempre.








