A trintena de soci@s asistentes á Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) respaldou onte de forma unánime a continuidade no cargo do actual presidente, David Campos, que esgotará o mandato ata xuño de 2026, pero que xa anticipou que non volverá presentarse como candidato á presidencia ou membro da xunta directiva, tras completar unha etapa de 14 anos de traballo na asociación en diferentes responsabilidades: vogal, tesoureiro, vicepresidente e presidente.
No último punto da orde do día, tras presentar o informe do presidente sobre a xestión da AEDEZA no último ano, e tal e como xa lle adiantara hai unhas semanas á xunta directiva, David Campos puxo o seu cargo a disposición dos asociad@s despois de explicar as circunstancias das súas empresas e co obxectivo de non prexudicar ao colectivo. Pero nin sequera foi precisa a votación que propuña, xa que os asociados presentes manifestaron un apoio unánime á súa continuidade, con varias intervencións de recoñecemento e agradecemento polo traballo realizado desde o ano 2012 de forma totalmente altruista en beneficio dos intereses comúns.
Con anterioridade, @s asociad@s tamén validaron de forma unánime todos os puntos que figuraban na orde do día: a memoria de actividade de 2024, as contas de 2024 e o orzamento para o exercicio de 2024.
En canto á memoria de actividade, David Campos reivindicou “a utilidade” da AEDEZA en diferentes eidos, destacando algún dos principais indicadores do pasado exercicio: no apartado de emprego, a Bolsa de Traballo rexistrou o ano pasado 491 novos demandantes inscritos, contabilizándose en total 1.109 persoas interesadas na Bolsa de Traballo e acadándose 145 insercións laborais, o que representa una media de 28 insercións ao mes.
Tamén destacou no eido da empregabilidade o desenvolvemento do Programa Integrado de Emprego (PIE), que contou con 100 participantes, dos cales 82 atoparon traballo nalgún momento do programa e entre eles 66 acadaron a estabilidade laboral necesaria para ser considerados como inserción laboral pola Xunta de Galicia -un índice moi superior ao mínimo esixido do 45%-. Tamén se superaron os mínimos de inserción requeridos no Programa de Apoio a Mulleres dos ámbitos Rural e Urbano, que contou con 35 participantes, das cales oito atoparon traballo.
30 actividades formativas
No apartado da formación, a AEDEZA organizou no pasado exercicio 30 accións formativas de diferente temática, cun total de 339 horas lectivas e 444 alumn@s participantes.
Respecto da utilización gratuíta das instalacións da asociación, en 2024 foron 52 as empresas que as empregaron para a celebración de actividades propias nas que participaron 762 persoas. Estiveron ocupadas por actividades dos asociad@s un total de 384 horas, repartidas entre 82 días.
David Campos tamén salientou que en 2024 a AEDEZA mantivo vixentes 14 convenios con terceiros para achegarlle aos asociad@s diferentes produtos e servizos en condicións vantaxosas e que ao longo do ano remitíronse aos asociad@s un total de 358 circulares con información de múltiples eidos: axudas, calendario laboral, formación, convenios colectivos, etc. Respecto das axudas, subliñou que a activación do servizo de solicitude e xestión de subvencións comezou en 2024 con notable éxito: en total xestionáronse 26 axudas, que mobilizaron un investimento de 151.150,96 euros, dos cales, a finais de decembro, 63.753,07 euros xa figuraban como “concedidos” ou “pagados”. O presidente tamén repasou as diferentes campañas e accións promocionais nos sectores do comercio e a hostalaría.
No apartado negativo, o presidente advertiu que por segundo ano consecutivo produciuse unha baixada do número de asociados, pasando dos 363 en decembro de 2023 a 353 en decembro de 2024. “Neste ano seguimos baixando e a día de hoxe estamos en 337, polo que nas vindeiras semanas centrarémonos en atallar este descenso con diferentes medidas de captación de soci@s”, apuntou.
Xestión económica
Os presentes na Asemblea Xeral Ordinaria tamén aprobaron por unanimidade as contas de 2024, que despois de tres anos consecutivos rexistrando un balance negativo, deixaron un beneficio de 45.346,56 €. David Campos xustificou estes resultados cunha “xestión económica responsable e eficiente”, baseada nunha política de contención de gastos, na actualización das cotas de afiliados e na obtención de programas e accións puntuais da Xunta de Galicia, como o programa de Apoio a Mulleres dos ámbitos Rurais e Urbano ou a realización do Estudo sobre o uso do Galego.
En canto aos orzamentos para 2025, que tamén foron aprobados por unanimidade, a previsión é que o capítulo de ingresos ascenda a 538.400 euros, mentres que os gastos previstos serán de 530.000 euros.