O restaurante Casa Currás da rúa Rosalía de Castro proclamouse gañador do XIV Concurso de Tapas Deztápate coa tapa “Brasa Yanqui´s”, quedando Cabanas Restaurante (“Bocata de churrasco”) en segundo lugar e Alola (“Tian Suan Ji”) en terceiro posto. Así o decidiron os clientes que completaron a ruta dos 12 establecementos participantes e emitiron o seu voto.
Os premios foron entregados esta mañá na sede da AEDEZA, nun acto que contou coa presenza do presidente da asociación, David Campos; o alcalde de Lalín, José Crespo; a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Bea Canda; os representantes das empresas colaboradoras Distribuciones Javier Vázquez e Viños Manuel Gil e os premiados.
O primeiro premio consistiu nun diploma e un ano da cota de asociado á AEDEZA gratis; o segundo, nun diploma e seis meses da cota gratuita; e o terceiro, un diploma e tres meses da cota gratuita.
Na súa intervención, o presidente da AEDEZA salientou que esta edición foi a cuarta das 14 que se levan celebrado con maior número de tapas vendidas (5.437), o que xerou aos 12 establecementos participantes uns ingresos globais de 16.311 euros. A media diaria de tapas servidas durante os días do certame foi de 544. Pola súa parte, o alcalde de Lalín, José Crespo, agradeceu “o esforzo da asociación por contribuír a dinamizar o sector da hostalaría con iniciativas como esta”, máis aló da promoción habitual arredor do cocido.
Sorteo de agasallos
Tras a entrega de premios, hoxe tamén se efectuaron os sorteos de diferentes agasallos entre os clientes que completaron os selos de todos os establecementos participantes: o xantar ou cea para dúas persoas no Pazo de Toubes (Cenlle), patrocinado por Distribuciones Javier Vázquez, foi para Rocío Villanueva González; seis botellas magnum de Viña Pomal, tamén achegada pola mesma firma, foron para Mónica Costa Matos, Octavio Antoñón Vales, Beatriz Blanco Liñares, Montse Taboada López, Silvia Ferreiro Taboada e Mercedes Areán Montoto.
Pola súa parte, os agraciados cos premios cedidos por Viños Manuel Gil foron: os 12 estoxos de dúas botellas da Adega Don Bernardino (D.O. Ribeira Sacra, Amandi), para José Octavio Daparte Dafonte, Marta Taboada Núñez, Jairo Presas Gómez, Jesús María Rivas González, Rubén Martínez González, Natalia Taboada Fernández, Sergio Quinteiro Varela, Esteban Collado Pérez, José Fontao Vázquez, José López Casal, Inés Pájaro Fernández e Gloria M. Rodríguez Fernández; e as 12 botellas magnum de Belezos (Bodegas Zugober) foron para Montse Rivas, Rocío Abeledo Vázquez, Beatriz Barcala Amorín, José Manuel Taboada Faílde, Susana Faílde Porto, Fátima Nogueira González, Breixo Pereira Gaiteiro, José Luis Ramos Pereira, Elena Carballal González, José Fuentes Fontcubierta, Juan Rodríguez Vence e Silvio Forlán Da Silva.









1 comentario