A Asociación de Empresari@s de Deza conta na actualidade cun total de 338 afiliad@s, entre sociedades e empresari@s autónom@s, que desenvolven a súa actividade en 28 subsectores diferentes e que proceden maioritariamente dos seis concellos dezanos (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón) e doutros municipios da contorna.
O comercio tradicional (71 asociados), a hostalaría (47) e o sector dos servizos (28) son as áreas que máis afiliados aportan á AEDEZA, representando practicamente a metade do total. Por detrás, sitúase o sector da construción, cemento, derivados e afíns (27), as actividades profesionais, científicas e técnicas (25), o sector das industrias metalúrxicas, carpintarías de aluminio e estruturas metálicas (19), o da venda e reparación de vehículos a motor e accesorios (16) e o da alimentación e agroalimentaria (16).