A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) comezou a impartir en días pasados as primeiras accións formativas do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2023/24, do que se benefician 100 participantes procedentes da Comarca de Deza (68 mulleres e 32 homes) e que está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego estatal (SEPE).
A actividade docente deste novo PIE arrancou con talleres para reforzar as actitudes e aptitudes necesarias para afrontar o proceso de busca de emprego: “Motivación na busca de emprego” e “Mellora das habilidades persoais na busca de emprego”, así como cunha formación inicial sobre o funcionamento da Axenda Dixital AEDEZA 23/24.
Actualmente, estase a impartir a primeira formación incluída no catálogo do SEPE, que ofreceralle aos/ás participantes nocións fundamentais sobre como afrontar as entrevistas de selección de persoal. Os seguintes cursos, que se impartirán durante os meses de febreiro e marzo, serán sobre o manexo de carretiñas elevadoras, Prevención de Riscos Laborais de nivel básico, Office, Excel e talleres sobre redes sociais e lexislación laboral.
Entre os/as 100 participantes deste novo PIE 23/24, o perfil maioritario é o de mulleres desempregadas (32), seguido dos menores de 30 anos de idade con baixa cualificación (22), maiores de 45 anos (16), persoas en risco de exclusión social (15), menores de 30 anos cualificados (11), persoas con algunha discapacidade (4) e desempregados de longa duración (2).