A sede da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) acolleu esta mañá a presentación da campaña Bonos Comercio Lalín, que repartirá a partir do vindeiro día 13 de outubro un total de 20.000 euros en bonos individuais de 30 euros para incentivar as compras nos comercios locais, tanto se están afiliados á AEDEZA como se non están.
Na presentación desta iniciativa, impulsada polo Concello de Lalín e que xestionará a AEDEZA, estiveron presentes o presidente dos empresarios, Ramiro Mejuto; as vogais Jéssica González e Patricia Galego -que foi a encargada de presentar a campaña por parte da asociación-; a secretaria técnica, Chus García; o alcalde de Lalín, José Crespo; e a concelleira de Promoción Económica, Bea Canda.
Na súa intervención, Patricia Galego resaltou que é “a primeira vez que unha campaña de bonos deste tipo se leva a cabo en Lalín” e precisou que a mecánica de funcionamento é “moi doada” e practicamente igual á empregada polos bonos comercio, culturais ou turísticos da Xunta de Galicia”.
Segundo explicou, desde hoxe mesmo e ata o día 12 de outubro os comercios interesados en participar poden formalizar a súa inscrición a través do formulario existente na páxina web www.bonoscomerciolalin.gal. Por se algún tivera dúbidas sobre este procedemento, mañá está prevista unha reunión informativa co sector do comercio a partir das 20.00 horas na sede da AEDEZA para atender calquera consulta.
Pola súa parte, a partir do día 13 de outubro os clientes poderán obter os bonos a través da devandita páxina web ou tamén descargando a app da campaña. Cada cliente poderá beneficiarse dun bono de 30 euros, que poderá dividir en dous descontos de 15 euros a detraer das compras que realice cun importe igual ou superior a 50 euros. Para iso, no momento de efectuar a compra deberá ensinar o código QR que lle proporcionará a aplicación.
“Experiencia piloto”
Na súa intervención, o alcalde de Lalín agradeceu a colaboración da AEDEZA para poñer en marcha esta campaña, que cualificou como unha “experiencia piloto que, se sae ben, poderíase replicar no futuro, incrementando o importe total se fora necesario ou incluso programando unha nova campaña de bonos noutra época con baixa actividade comercial”.











