O presidente da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA), David Campos, o alcalde de Lalín, José Crespo, e a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Bea Canda, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades correspondente ao presente exercicio, segundo o cal a Administración Local achegará 15.400 euros para o desenvolvemento de accións e campañas de dinamización dos sectores do comercio e a hostalaría e tamén para colaborar no financiamento do servizo de vixilancia do Parque Empresarial Lalín 2000.
Concretamente, o convenio asinado esta mañá establece que 5.400 euros corresponden á parte proporcional asignada ao Concello de Lalín para o pago do servizo de seguridade e vixilancia, como propietario de varias naves e instalacións no polígono industrial.
Por outra parte, a AEDEZA empregará os 10.000 euros restantes en cofinanciar accións de dinamización comercial desenvolvidas ao longo deste ano, como as campañas de rebaixas do verán e do inverno, o Día da Nai, a Noite Branca e o Concurso de Tapas “Deztápate”.








