A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín organizarán este vindeiro venres a décimo segunda edición da Noite Branca, na que sortearán 5.000 euros en premios, a razón de 50 sorteos de vales de compra de 100 euros cada un.
A mecánica para que os clientes poidan participar nos sorteos é a seguinte: o mesmo venres, os comercios participantes nesta campaña, que estirarán o seu horario de apertura ata as 23.00 horas, entregarán aos clientes que realicen ao longo do día unha compra mínima de 10 euros un Pasaporte da Noite Branca. Ademais de cubrir os seus datos de contacto, os clientes deberán contar no seu pasaporte con dous selos de compras realizadas en dous establecementos asociados diferentes, ao longo de todo o día, por un importe mínimo de 10 euros cada unha.
Unha vez cumpridos estes requisitos, os clientes deberán depositar o pasaporte na urna que a AEDEZA instalará na Praza da Igrexa, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 23.15 horas. A partir das 18.15 horas e ata as 23.15 horas, realizaranse os 50 sorteos de vales de compra de 100 euros, de forma que os agraciados serán chamados por teléfono e deberán presentarse no posto da AEDEZA nos 30 minutos seguintes a ser avisado -do contrario, o premio quedará deserto-.
Para reclamar o premio, o cliente deberá amosar dous tickets/notas de compra/albaráns dos dous establecementos cuxo selo figure no pasaporte -non se admitirán tickets agasallo, debido a que non se pode comprobar o importe mínimo esixido nas compras-. Os vales de compra dos premios poderán recollerse na sede da AEDEZA a partir do luns 15 de xuño e poderán gastarse ata o día 30 de xuño nos establecementos asociados que participan na campaña.
A maiores destes sorteos, a Noite Branca tamén dinamizará Lalín o venres instalando bandeiríns brancos nas rúas máis céntricas, así como adornos nos comercios e locais de hostalaría elaborados por usuarios de Aspadeza.
Ademais, a animación incluirá a presenza dos Bolechas, actuacións de Barafunda e do Mago Dani, actividades lúdicas a cargo de Eduvía e música de dj e charanga. Tamén se instalará un posto de flocos de millo, no que os clientes só terán que asinar un ticket de compra dese día dun comercio asociado participante na campaña para solicitar unha ración de flocos de millo.
Na organización desta décimo segunda Noite Branca, a AEDEZA e o CCA de Lalín contan coa colaboración do Concello de Lalín, a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Lingua e a Deputación de Pontevedra.








