A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín repartirán o vindeiro venres un total de 5.000 euros en premios -50 vales de 100 euros- co gallo da celebración da décima edición da Noite Branca, que tamén incluirá actividades de animación durante a tarde-noite e a apertura dos comercios ata as 23.00 horas.
O propio venres, os comercios e os locais de hostalaría asociados repartirán un cartón aos clientes que realicen unha compra/consumición por un importe mínimo de 10 euros e estes, para poder participar nos sorteos, deberán cubrir ese cartón con tres selos de tres establecementos diferentes nos que realizaran un gasto por un importe de polo menos 10 euros. Unha vez cubertos os datos persoais, os cartóns cos tres selos deberán depositarse na urna que a AEDEZA ubicará na Praza da Igrexa entre as 12.00 e as 14.00 horas e entre as 17.00 e as 22.00 horas. Os sorteos comezarán a realizarse ás 18.15 horas e o último realizarase ás 23.15 horas. As persoas agraciadas serán avisadas telefonicamente e disporán de 30 minutos para presentarse no posto da AEDEZA -no caso de non aparecer neste tempo, dito premio quedará deserto-.
Ademais destes sorteos, a programación da Noite Branca inclúe a decoración das rúas máis céntricas de Lalín con bandeiríns de cores e dos propios comercios e locais de hostalaría que participen nesta promoción con adornos elaborados por usuarios/as de Aspadeza. Tamén están previstos espectáculos visuais itinerantes, actuacións musicais pola rúa, postos de flocos de millo e a presenza dos Bolechas.
Nesta edición tamén está previsto que a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) volva instalar un posto informativo sobre a actividade do colectivo e tamén para poder vender merchandising para recadar fondos.