
A Asociación de Empresari@s de Deza e o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE Business Institute) poñerán en marcha a partir do vindeiro mes de maio un novo Programa de Actualización Directiva dirixido a un máximo de 25 empresarios/as, xerentes de empresas e directivos/as.
As persoas interesadas poderán seguir o programa docente completo, cunha duración de 120 horas e que comezará a impartirse na sede da AED todos os xoves desde o día 12 de maio en horario de 9.30 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas, ou matricularse exclusivamente nalgún dos tres grandes bloques temáticos de 40 horas cada un: a orientación á estratexia e ás persoas (do xoves 12 de maio ao xoves 9 de xuño), que abordará o proceso estratéxico, a intelixencia emocional, a transformación dixital, os cadros de mando e o liderado e a motivación dos equipos; a orientación ao mercado e os clientes (do xoves 8 de setembro ao xoves 13 de outubro), que incidirá na experiencia de cliente, en como xestionar a carteira de clientes para mellorar os resultados comerciais, na creatividade aplicada ao negocio, na comunicación dixital co cliente e nas técnicas e habilidades de negociación; e na orientación aos resultados (do xoves 27 de outubro ao xoves 24 de novembro), que tratará conceptos económico-financeiros, o diagnóstico económico-financeiro, o control da xestión, os orzamentos e o control orzamentario, e a análise e a resolución creativa dos problemas.
En canto ao profesorado deste Programa de Actualización Directiva, no panel de docentes figuran expertos en diferentes áreas de xestión empresarial como Fernando Álvarez Blanco, Fernando Arístigue Monge, Fernando Bringas Trueba, Gerardo Estévez Suárez, Gonzalo Garre Rodas, Álvaro Gómez Vieites, Doroteo González Pastor, Teresa Molezún Mosquera, Erika Paola Rodríguez Soto e Juan Carlos Vez Vázquez.
A inscrición no programa completo terá un custo de 3.200 euros para os asociados da AED e de 4.500 euros para o resto das empresas, mentres que a matrícula nos módulos individuais será de 1.250 euros para os socios da AED e de 1.650 euros para os non asociados. En todo caso, o programa é susceptible de bonificación vía Fundae, sempre que a empresa e o/a alumno/a cumpran os requisitos. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web do IESIDE e os pagos deberán abonarse no momento da matriculación.
Curso básico de Prevención de Riscos Laborais
Por outra banda, a AED mantén aberto o prazo de inscrición para un curso de nivel básico de Prevención de Riscos Laborais (PRL), que terá unha duración de 60 horas, das que 40 serán en modalidade de teleformación e as 20 restantes, en modalidade presencial nas instalacións da AED, os días 9, 23 e 30 de abril e 7 de maio, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Este curso é bonificable a cargo das cotas da Seguridade Social para traballadores/as do Réxime Xeral e, desde a AED, lémbrase que esta formación é válida tanto para o convenio da construción como do metal, sendo a formación necesaria para poder designar recursos preventivos.
Tanto no caso do Programa de Actualización Directiva como no curso de PRL, as persoas interesadas en apuntarse deben contactar co Departamento de Formación da AED chamando ao teléfono 986 78 70 91 ou enviando un correo electrónico ao enderezo asociacion@aedeza.com.