A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por medio da Secretaría Xeral da Lingua, anunciaron esta mañá a súa colaboración para elaborar un estudo sobre o uso do galego no tecido empresarial da Comarca de Deza.
“Trátase do primeiro estudo que incide no valor socioeconómico e empresarial da lingua”, en palabras do secretario xeral da Lingua, Valentín García, que compareceu en rolda de prensa ante os medios de comunicación acompañado polo presidente da AEDEZA, David Campos, e a secretaria técnica, Chus García. Na súa intervención, Valentín García enmarcou a elaboración do estudo “no contexto dos últimos datos sociolingüísticos publicados polo Instituto Galego de Estatística”, así como “nos primeiros pasos da implementación da campaña Saca a lingua que levas dentro, anunciada hai unhas semanas”.
O secretario xeral da Lingua agradeceu a colaboración e disposición da asociación e explicou que “a elección da AEDEZA para realizar este estudo piloto débese a que trátase dunha asociación moi activa, tanto polo número de asociados como pola diversidade dos sectores que aborda”, o que a converte en “moi representativa do tecido empesarial galego”.
“O ámbito socioeconómico e empresarial é decisivo e fundamental na promoción social do uso do galego, un compromiso da Xunta de Galicia expresado xa no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, que desenvolveu por primeira vez desde a Administración autonómica as directrices establecidas no sector 4 do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”, recordou o responsable da Lingua.
“Trátase agora de facer un estudo, unha nova análise de contexto, para verificar o uso neste ámbito, da man dos axentes implicados, e impulsar medidas máis concretas”, detallou García. “Será unha primeira experiencia da man dos empresarios da Comarca de Deza, que despois poderemos facer extensiva a outras asociacións e entidades ligadas ao sector”, engadiu antes de precisar que “o estudo arrinca coa realización dun cuestionario de 30 preguntas que servirán como base na próxima implementación de accións conxuntas de sensibilización no uso do galego”. O cuestionario permitirá coñecer se usan a lingua actualmente na súa actividade empresarial, de que maneira o fan, se perciben que sexa unha vantaxe competitiva, cales son os recursos e ferramentas lingüísticas que coñcen e usan ou cales botan en falta.