A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) vén de recibir a notificación por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia da concesión do sétimo Programa Integrado de Emprego (PIE) consecutivo, que nesta edición busca mellorar a empregabilidade de 100 usuarios/as e lograr un obxectivo mínimo de inserción laboral do 45%.
Este PIE está dirixido a oito colectivos: persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, beneficiarios/as do tramo de inserción da renda de inclusión de Galicia, menores de 30 anos con baixa cualificación, menores de 30 anos cualificados, maiores de 45 anos, mulleres desempregadas e desempregados de longa duración.
Trala concesión do programa, A AEDEZA manterá aberto o proceso de selección dos/as participantes ata o 15 de decembro, data na que comezarán a impartirse as 801 horas de formación previstas, tanto en accións grupais como individuais e tanto en formato presencial como on line, no que a asociación porá á disposición do alumnado a súa Aula Dixital e unha plataforma de formación específica.
Os/as usuarios/as seleccionados poderán beneficiarse de medidas para favorecer a súa conciliación e incluso dispor dunha bolsa de asistencia diaria de 10 euros.
Prácticas en empresas
Desde a AEDEZA destácase que este Programa Integrado de Emprego, ademais de incluír un asesoramento persoal e individualizado ás persoas seleccionadas, ofrécelles a posibilidade de realizar prácticas en empresas asociadas para favorecer a súa empregabilidade.
Ademais, cómpre salientar que nesta edición, e tras un labor previo de prospección acerca da formación demandada polas firmas asociadas, a AEDEZA recibiu unha proposta de Inasus para incluír un itinerario formativo específico sobre fabricación e instalación de fachadas e envolventes de arquitectrura, dentro da formación xeral orientada aos sectores da industria e a construción. En virtude do acordo de colaboración xestionado con Inasus, o PIE permitirá mellorar a empregabilidade dos/as usuarios/as nun dos sectores con maior demanda laboral na comarca.
O Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresari@s de Deza 2024/25 está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego estatal.