Os comercios e negocios de hostalaría afiliados á Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín repartirán un total de 5.000 euros en vales de compra de 100 euros cada un para incentivar as vendas este vindeiro venres durante a celebración da décimo primeira edición da Noite Branca.
A campaña coordinada pola AEDEZA incluirá a decoración ambiental das rúas máis céntricas de Lalín con bandeiríns brancos e cada un dos negocios participantes incorporará a cartelería propia da Noite Branca, deseñada polo artista Carlos Santos, ademais de adornos elaborados por usuarios/as do colectivo Aspadeza e carteis específicos coas súas propias promocións e descontos. Os comercios asociados abrirán ata as 23.00 horas.
Á tardiña, a programación de actividades de dinamización incluirá actuacións musicais pola rúa, espectáculos visuais itinerantes, a presenza dos Bolechas e un posto de flocos de millo.
Sorteos a partir das 18.15 horas
En canto aos premios dun total de 5.000 euros en vales de compra, está previsto que entre as 18.15 e as 23.15 horas se sorteen un total de 50 vales por importe de 100 euros cada un. Poderán participar nestes sorteos aqueles clientes, tanto dos comercios asociados como dos negocios de hostalaría asociados, que o propio venres realicen un gasto/compra mínimo/a de 10 euros en polo menos dous establecementos, que deberán acuñar o seu selo no “Pasaporte Noite Branca” que lle entregarán no momento da compra ou consumición. Dito pasaporte, cos correspondentes selos, deberá depositarse na urna que a AEDEZA terá ubicada na Praza da Igrexa entre as 12.00 e as 14.00 horas e entre as 17.00 e as 23.15 horas.
A persoa agraciada en cada sorteo será contactada telefonicamente pola AEDEZA e deberá presentarse no citado posto na Praza da Igrexa nos 30 minutos seguintes a ser avisada, xa que, do contrario, ese premio quedará deserto. Para reclamar o premio, a persoa agraciada deberá amosar os dous tickets ou notas de compra ou consumición dos establecementos cuxos selos figuren no pasaporte (non se admitirán tickets de agasallo, xa que non se pode comprobar no momento o importe mínimo esixido).
Unha vez validado o premio, a persoa gañadora deberá pasar a partir do día 12 de maio pola sede da AEDEZA para recoller o vale de compra por importe de 100 euros, onde tamén recibirá un díptico coa relación de establecementos nos que poderá canxealo ata o día 30 de xuño.
Esta campaña de dinamización da Noite Branca conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.
Asemblea Xeral Ordinaria
Por outra banda, lémbrase que a sede da AEDEZA acollerá mañá a celebración a Asemblea Xeral Ordinaria, ás 20.00 horas en primeira convocatoria e ás 20.30 horas en segunda convocatoria.