A campaña da Volta ao cole lanzada hoxe pola Asociación de Empresari@s de Deza repartirá 1.500 en premios, a razón de 30 vales de compra de 50 euros, entre os clientes que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos asociados.
Segundo as bases da campaña, que estará vixente ata o vindeiro día 30 de setembro, os clientes recibirán unha rifa por cada compra mínima de 10 euros. Estes boletos entrarán no sorteo non presencial que se realizará o día 2 de outubro na sede da asociación.
As persoas que resulten agraciadas poderán recoller os vales de compra na AEDEZA entre os días 5 e 9 de outubro e disporán de prazo ata o día 31 de outubro para canxealos nos comercios asociados. As bases da campaña tamén establecen que nin os propietarios, nin os empregados nin os familiares de primeiro grao destes poderán participar no sorteo con rifas do propio establecemento.








