Os comercios afiliados á Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín aproveitarán o comezo do curso para desenvolver desde mañá unha nova campaña de Volta ao cole, que rematará o venres 12 cunha xornada festiva na que os clientes que realicen compras nestes días poderán gañar cos seus tickets diferentes premios e agasallos.
Así, cada persoa que conserve o ticket de compra, albarán ou nota de gasto e que se achegue o venres 12 pola tarde á Praza da Igrexa, poderá realizar tiradas nunha ruleta que instalará a AEDEZA e terá recompensa segura, que poderán ser: vales de compra de 15 euros para descontar en compras superiores a 30 euros; vales de compra de 10 euros para descontar en compras superiores a 20 euros; vales de compra de 5 euros para descontar en compras superiores a 10 euros; e outros premios e agasallos.
Ademais, na xornada festiva programada para o serán do venres 12 a AEDEZA tamén organizará na Praza da Igrexa xogos e actividades de carácter lúdico e instalará un posto de flocos de millo, no que os clientes que amosen os seus tickets de compra poderán obter unha ración.
Esta campaña conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e do Concello de Lalín.








