A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín desenvolverán desde hoxe ata o vindeiro día 14 de febreiro unha campaña de dinamización comercial co gallo da efeméride de San Valentín (Día dos namorados), na que sortearán unha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas a París.
Durante estes nove días, as persoas que realicen compras nos comercios asociados poderán optar a dito premio, que inclúe a viaxe en avión de Santiago a París (ida e volta), e dúas noites de aloxamento nun hotel de París, con almorzo incluído. AEDEZA advirte de que trátase dun premio en especie e en ningún caso poderá ser obxecto de cambio, alteración ou compensación a petición da persoa gañadora.
Os comercios participantes na campaña simplemente terán que xerar unha copia do ticket de compra e anotar por detrás os datos de contacto do cliente. Con posterioridade, a partir do día 15 de febreiro técnicos da asociación recollerán os tickets ou albaráns en cada comercio e na semana do 19 de febreiro realizarase o sorteo da viaxe.
Nova imaxe visual
Por outra banda, coincidindo co lanzamento desta campaña para o Día dos namorados, AEDEZA aproveita para estrear a súa nova imaxe corporativa, que comezará a visualizarse na sinalética interior da asociación, nos carteis da campaña de San Valentín e nas bolsas de papel que a asociación porá a disposición dos comercios participantes. Ademais, AEDEZA tamén distribuirá vinilos en forma de corazón para adornar os escaparates dos establecementos.
Respecto da renovación da imaxe, o novo imagotipo evoca cun punto a privilexiada ubicación xeográfica de Lalín e a Comarca de Deza no centro de Galicia e emprega a cor verde para simbolizar a riqueza natural e paisaxística da bisbarra e tamén a aposta de futuro pola ecoloxía e a denominada “economía verde”. Ao longo das vindeiras datas, a nova imaxe visual seguirá a implementarse en novos soportes e complementarase coa estrea da nova páxina web da asociación a vindeira semana.