A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) vén de abrir ata o vindeiro día 29 de abril o prazo de selección de 12 persoas mozas para participar no programa “Fórmate na empresa”, recentemente concedido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e que ten como finalidade favorecer a formación práctica e o contacto co tecido empresarial por parte da mocidade.
“Fórmate na empresa” busca reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), que non estean ocupadas nin integradas nos sistemas de educación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado laboral.
Concretamente, este programa vai destinado a persoas mozas que teñan feitos os 18 anos de idade e que non superen a idade máxima establecida no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que leven polo menos un ano empadroadas en Galicia e que figuren como beneficiarias do SNGX nesta Comunidade Autónoma.
A carga formativa durante as estadías nas empresas ou entidades colaboradoras terá unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días á semana. Ademais, as persoas mozas beneficiarias deste programa recibirán unha formación complementaria de 60 horas lectivas e de titorización durante as estadías.
Como contraprestación, a AEDEZA proporcionaralles ás persoas mozas participantes unha bolsa de formación de 690,66 euros mensuais, que poderán incrementarse en 100 euros nos casos de persoas con discapacidade e noutros 100 euros para desprazamentos, cando as estadías nas empresas deban realizarse nun concello que non sexa o da súa residencia habitual.
Inserción laboral do 40%
O presidente da AEDEZA, David Campos, sinala que esta será a segunda ocasión na que a AEDEZA desenvolverá o programa “Fórmate na empresa”, aínda que o ano pasado levaba por nome “Xuventude Mentoring na Empresa”. Nesa primeira edición, a AEDEZA rexistrou un índice de inserción laboral do 40% das persoas mozas participantes e contou coa colaboración das empresas Unimotor, Persideza, Embutidos Lalinense, Industrias Guerra, Xuncoga, Cogami, Kalekoi, Inasus e Kuzunguka.
Nesta segunda edición, as empresas que acollerán as estadías das persoas mozas seleccionadas deberán pertencer a algúns dos sectores económicos que a Xunta de Galicia considera estratéxicos: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, textil/moda, tecnoloxías da información e a comunicación e calidade de vida e benestar.
Inscricións ata o día 29
As persoas mozas que cumpran os requisitos de participación e desexen inscribirse deberán cubrir o formulario que poderán atopar na páxina web da AEDEZA (www.aedeza.gal) e envialo ao correo electrónico asociacion@aedeza.com antes do vindeiro día 29 de abril.
“Fórmate na empresa” é un programa cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Programa FSE+Galicia 2021-2027.










