A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) ofrecerá un novo servizo aos asociados do sector do comercio tras a sinatura dun convenio de colaboración con Travel Tax Free, entidade autorizada pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para a xestión da devolución do Imposto do Valor Engadido (IVE) en réxime de viaxeiros.
En virtude do convenio asinado, Travel Tax Free actuará de intermediario entre os comercios minoristas da AEDEZA e os viaxeiros non residentes na Unión Europea que realicen compras neles e desexen solicitar a devolución do IVE desas compras conforme á normativa vixente. Para prestar dito servizo, Travel Tax Free dotará aos comercios asociados dun software específico para realizar ditos trámites e, de ser necesario, ofrecerá formación gratuíta para a súa utilización.
O presidente da AEDEZA, David Campos, explica que “este servizo estaba a ser demandado por algúns comercios que, especialmente nos meses do verán, ven incrementadas as compras por parte de clientes estranxeiros que lles solicitaban poder xestionar o reembolso do IVE en aduanas antes de retornar aos seus países de orixe”.
David Campos sinala que aqueles comercios asociados que desexen incorporar este servizo deben contactar coa AEDEZA chamando ao teléfono 986 7870 91, enviando un correo electrónico a asociacion@aedeza.com ou ben acudindo presencialmente ás oficinas (Rúa Otero Pedrayo, 24 – Lalín).








