A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín organizarán entre os vindeiros días 22 e 31 de agosto a décimo cuarta edición do concurso de tapas “Deztápate”, que nesta ocasión contará coa participación de 12 establecementos hostaleiros: 11 de Lalín e un de Vila de Cruces.
Concretamente, a relación de locais participantes é a seguinte: en Lalín, Aloa, Bar O Polo, Cabanas Restaurante, Casa Currás da Praza da Igrexa, Casa Currás da Rúa Rosalía de Castro, Casa San Martín do Corpiño, O Café de Mili, O Chabulli de Toupiña en Lagazós, Pensión Las Palmeras, Restaurante La Molinera e Restaurante Os Arcos; e en Vila de Cruces, Hotel Balneario Baños da Brea en Merza.
O concurso, que conta coa colaboración do Concello de Lalín e dos distribuidores de bebidas Distribuciones Javier Vázquez e Viños Manuel Gil, desenvolverase durante 10 xornadas e manterá o mesmo prezo das tapas que nas dúas edicións anteriores: tres euros. Nesta ocasión, cada hostaleiro participante decidirá os días e os horarios de servizo das tapas, que se farán públicos nos días anteriores ao inicio do concurso xunto cos petiscos que preparará cada hostaleiro.
Sorteo de 31 premios
Os clientes que proben todas as tapas e completen a tarxeta cos selos de todos os locais participantes entrarán no sorteo dun total de 31 agasallos cedidos por Viños Manuel Gil e Distribuciones Javier Vázquez: un xantar ou cea no Pazo de Toubes (Cenlle) para dúas persoas (premio cedido por Distribuciones Javier Vázquez a través da adega Viña Costeira); seis botellas magnum de Viña Pomal (por xentileza de Distribuciones Javier Vázquez); 12 estoxos con dúas botellas de Adega Don Bernardino, da D.O. Ribeira Sacra, Amandi (cedidos por Viños Manuel Gil); e 12 botellas magnum de Belezos, da adega Zugober (cedidas por Viños Manuel Gil).
Por outra parte, os clientes que degusten todas as tapas tamén poderán participar na elección dos establecementos gañadores do concurso, puntuando as tres mellores tapas con 3, 2 e 1 puntos. Os tres establecementos mellor valorados por estes clientes obterán os seguintes galardóns: o primeiro premio consistirá nun diploma e un ano de asociado á AEDEZA gratis; o segundo premio, diploma e seis meses da cota de asociado gratis; e o terceiro, diploma e tres meses da cota de asociado gratis.









