A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) presentou hoxe a súa campaña de dinamización do Nadal, que terá como principal atractivo o sorteo de 10.000 euros en vales de compra entre a propia AEDEZA e un total de 75 establecementos asociados.
Ao igual que os últimos anos, o día 5 de decembro a AEDEZA celebrará un sorteo presencial na Praza da Vila, ao remate da Cabalgata de Reis, que repartirá seis vales de compra para gastar no comercio asociado por un importe total de 2.500 euros: un vale de 1.000 euros e cinco vales de 300 euros. Entrarán neste sorteo os clientes que realicen compras nos establecementos participantes na campaña e que depositen unha parte da rifa que lle entregarán no momento da compra na urna que se atopará o día 5 de xaneiro a partir das 18.00 horas na caseta que ten a AEDEZA na Aldea Gastro das Aldeas de Nadal. Como o sorteo será presencial, cando se saquen os números gañadores, os posuidores dos mesmos deberán acudir nese mesmo intre coa outra parte da rifa para poder reclamar o premio.
Por outra parte, como novidade desta campaña de Nadal, un total de 75 comercios asociados sortearán 7.500 euros en vales de compra, a razón de dous vales de 50 euros por cada comercio. Neste caso, será cada establecemento o encargado de repartir as rifas aos seus clientes e tamén se ocupará de realizar o sorteo do primeiro vale o día 24 de decembro e outro o día 5 de xaneiro. En cada rifa entregada coa compra os clientes deberán cubrir os seus datos persoais e deixar unha parte da rifa no propio comercio, que será o encargado de contactar coas persoas gañadoras ao remate de ambos os dous sorteos para que pasen pola AEDEZA a recoller os vales. As rifas cubertas e entregadas nos comercios e que non resulten premiadas no sorteo do 24 de decembro destruiranse, polo que xa non participarán no sorteo do 5 de xaneiro.
Apertura de domingos
En canto á apertura en domingos e datas sinaladas, o comercio asociado acordou abrir tres domingos do Nadal e os martes 24 e 31 de decembro. Concretamente, os domingos 22 e 29 de decembro abrirán de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, mentres que o domingo 5 de xaneiro abrirán desde as 11.00 horas de forma continua ata o peche. Ademais, os martes 24 e 31 de decembro abrirán de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Música ambiental
A AEDEZA tamén volverá instalar este Nadal a música ambiental polas rúas máis céntricas de Lalín en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. As rúas que contarán con esta animación serán Principal, Colón, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, Luis González Taboada, Calzada, Alcalde Ferreiro e Antonia Ferrín Moreiras.
Colaboración coas Aldeas de Nadal
A campaña de Nadal da AEDEZA tamén inclúe unha intensa colaboración co Concello de Lalín e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia na programación das Aldeas de Nadal. Así, ademais de colaborar nas actividades de Títeres Viravolta, o espectáculo do Mago Antón, Buscando a Rudolf, Os Bolechas, obradoiros de Nadal, etc., a asociación dispón dunha caseta propia do Centro Comercial Aberto de Lalín dentro da Aldea Gastro. Nesta caseta véndense tickets para o tren do Nadal e repártense flocos de millo os xoves, venres, sábados e domingos ata o 5 de xaneiro, entre as 18.00 e as 21.00 horas. Para recollelos, os clientes deberán presentar os boletos entregados nos comercios asociados con cada compra realizada.
Ruta polos escaparates máxicos
Finalmente, o Centro Comercial Aberto de Lalín entregará mapas coa ubicación de todos os comercios participantes no concurso de escaparates máxicos para animar a xente a visitalos. Aquelas persoas que visiten os 30 comercios participantes e selen o mapa na parte traseira cos selos de cada un dos 30 comercios entrarán nun sorteo de 500 euros en vales de compra, repartidos en cinco vales de 100 euros cada un.