A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) e Grupo Elige veñen de abrir o prazo de inscrición para apuntarse no Programa especializado en control de xestión que se impartirá na sede da asociación durante os meses de maio e xuño e que está orientado a xerentes, directivos e profesionais das áreas de xestión das empresas.
Esta actividade formativa está dividida en cinco módulos temáticos e pretende que os participantes adquiran coñecementos sobre diferentes sistemas de costes e saiban elixir o máis axeitado para as súas compañías, coa finalidade de definir os métodos de control orzamentario máis eficaces.
O programa pódese cursar completo (42 horas) de forma presencial ou ben algún dos cinco módulos de xeito individual (catro módulos de 7,5 horas e un de 12 horas en dúas xornadas) nas seguintes datas e horarios:
- Control de xestión: conceptos e ferramentas. Os custos como base: o 14 de maio, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 18.00 horas.
- O plan anual de obxectivos e orzamentos: o 21 de maio, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 18.00 horas.
- Os cadros de mando como ferramenta de control de xestión: o 28 de maio, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 18.00 horas.
- A aplicación de Power BI ao control de xestión (I): o 4 de xuño, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 18.00 horas.
- A aplicación de Power BI ao control de xestión (II): o 11 de xuño, de 9.30 a 14.00 horas.
- A contabilidade de xestión e a toma de decisións: o 18 de xuño, de 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 18.00 horas.
Para as empresas afiliadas á AEDEZA, este programa ten un custo de 1.300 máis IVE (programa completo) ou ben de 290 euros máis IVE por cada módulo, se ben o módulo do Power BI, que é de maior duración, custará 390 euros máis IVE. Estes prezos inclúen os gastos de comida e cafés dos asistentes durante as sesións de formación e o programa é susceptible de ser bonificado a través de Fundae, sempre que a empresa cumpra os requisitos.
Todas as persoas interesadas en inscribirse deben contactar coa AEDEZA enviando un correo electrónico a asociacion@aedeza.com ou chamando ao teléfono 986 78 70 91.