A xunta directiva da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) acordou distinguir este ano na súa VIII Xuntanza Empresarial, que se celebrará o sábado 23 de novembro no Pazo de Bendoiro (Lalín), a un total de nove asociados/as entre os que destacan Embutidos Lalinense, que recibirá o Premio á traxectoria empresarial, e a Asociación de Discapacidade Intelectual (Aspadeza), entidade na que recaeu o Premio Especial AEDEZA.
A nómina de galardoados complétana a empresa de Vila de Cruces Odaiko Krea (Premio ao fomento do galego na empresa) e outras seis empresas e profesionais lalinenses: Densoplast (Premio á internacionalización), Clínica Deza (Premio á innovación), Viralatas (Premio ao emprendemento), Fátima Nogueira, da herboristería Estalitroque (Premio dos autónomos), Restaurante Asturiano (Premio da hostalaría) e Librería Dalvi (Premio do comercio).
En nome da directiva, o presidente da AEDEZA, David Campos, sinalou que esta nova distinción para Embutidos Lalinense, que xa recibira en 2017 o Premio ao fomento do galego, está “máis que xustificada, porque, ademais de destacar pola súa competitividade, expansión e innovación, vén de cumprir 75 anos de traxectoria, algo que a día de hoxe non é nada doado”. Do mesmo xeito, valorou que “ningún premio é tan indiscutible como o de Aspadeza, porque o seu compromiso social acredítano día a día co labor impagable que realizan con todos os usuarios e usuarias para apoialos na súa integración sociolaboral”.
David Campos tamén tivo palabras para os demais galardoados: de Densoplast, firma asentada no Polígono Industrial de Botos e dedicada á fabricación de envases de plástico, motivou o Premio á internacionalización “pola súa implantación no mercado portugués a través da marca Mplastic”, e atribuíu o Premio á innovación de Clínica Deza “á súa aposta pola tecnoloxía de última xeración no eido da atención sanitaria e a saúde nas novas instalacións de Lalín”.
Pola súa parte, precisou que “Odaiko Krea leva anos proxectando unha marcada identidade galega no sector cultural e dos eventos”, mentres que os outros dous premiados, Viralatas e Fátima Nogueira (Estalitroque), “souberon identificar con acerto novos nichos de mercado como o dos animais e as mascotas, por un lado, e o da herboristería, a alimentación e a saúde, polo outro, para lanzar e impulsar os seus proxectos empresariais”.
No caso dos premios da hostalaría e o comercio, David Campos resaltou, respectivamente, que “o Restaurante Asturiano, que cumprirá 50 anos de vida o ano que vén, é un dos referentes da mellor gastronomía na Comarca de Deza, onde non é fácil destacar nin manterse aí tantos anos porque hai moita e moi boa competencia”, e que “a Librería Dalvi, que leva máis de medio século aberta e que xa vai pola segunda xeración, é un dos comercios tradicionais polos que a maioría dos lalinenses pasaron algunha vez”.
Reserva de invitacións
A AEDEZA lembra que a partir de mañá poderanse reservar na propia asociación as invitacións para asistir á VIII Xuntanza, que, como é tradición, incluirá un xantar de confraternidade a base de cocido de Lalín, e terá un custo de 50 euros por persoa.