A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) celebrará o sábado 22 de novembro no Pazo de Bendoiro a novena edición da súa Xuntanza Empresarial, que aproveitará para entregar os xa tradicionais premios anuais e compartir un cocido de confraternidade cos socios/as, autoridades e persoas convidadas.
Nesta ocasión, a Xunta Directiva da AEDEZA acordou conceder o Premio Especial AEDEZA ao restaurante lalinense Casa Sanmartín, ubicado no Corpiño e que precisamente no mes de novembro cumprirá 50 anos de actividade, e o Premio á traxectoria empresarial a Canteras del Arenal, empresa lalinense que tamén supera o medio século de vida.
Outros dos galardóns que se entregarán na Xuntanza Empresarial por acordo da Xunta Directiva da asociación son o Premio ao fomento do galego na empresa, para a firma lalinense Viños Manuel Gil; o Premio á internacionalización, para Carpintería Jar, empresa lalinense que realiza traballos en países como Portugal, Francia, Reino Unido, República Dominicana, Dubai ou Bahrein; e o Premio á innovación, para Proquideza, tamén empresa lalinense dedicada ao deseño e fabricación de especialidades químicas, fundamentalmente para os sectores agrogandeiro, alimentario e industrial.
Os catro premios restantes serán entregados ao Restaurante La Molinera (Premio da hostalaría), por ser un dos establecementos máis senlleiros e valorados do sector da restauración en Lalín; Panadería La Morena (Premio do comercio), que acumula máis de 180 anos de tradición familiar; O Chabulli de Toupiña (Premio ao emprendemento), pola posta en marcha dun espazo multidisciplinar que integra exposición, degustación e venda; e a nutricionista e cociñeira lalinense Patricia Galego (Premio dos autónomos), polo seu proxecto Qïchen Biocociña,
Retirada de convites ata o día 14 de novembro
Respecto ao desenvolvemento da xuntanza, o presidente da AEDEZA, David Campos, avanzou que, como vén sendo habitual, ademais da entrega dos premios e a intervención de distintas autoridades, incluirá tamén un xantar de confraternidade a base de cocido de Lalín. Os convites poden retirarse na sede da asociación ata o día 14 de novembro e o prezo por persoa é de 50 euros.








