Unha representación da xunta directiva da Asociación de Empresari@s de Deza encabezada polo presidente, Ramiro Mejuto, mantivo este mediodía a primeira reunión de traballo co alcalde de Lalín, José Crespo, para compartir as prioridades do colectivo nesta nova etapa. Boa parte da reunión centrouse na creación de solo industrial e, concretamente, nos prazos e nas condicións da ampliación da cuarta fase do Parque Empresarial Lalín 2000.
Ramiro Mejuto trasladoulle ao rexedor local a conveniencia de coordinar co concello e a Xunta de Galicia a parcelación da cuarta fase, coa finalidade de que a superficie das parcelas se axuste o máximo posible ás necesidades concretas das empresas interesadas. Neste senso, con independencia dos contactos particulares que diferentes empresas poidan manter con Xestur, a asociación brindouse a recompilar datos das empresas interesadas en mercar solo nesta ampliación para trasladarllos posteriormente á Xunta de Galicia.
Ao mesmo tempo, o alcalde comprometeuse a xestionar unha reunión coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ou a aproveitar a súa próxima visita co gallo do comezo das obras da cuarta fase do polígono para coñecer de primeira man os prazos de execución, unha aproximación aos prezos de venda das parcelas e as posibles bonificacións que podería artellar a Xunta de Galicia.
En relación aos polígonos, tanto Lalín 2000 como Botos, os directivos da AEDEZA tamén lle formularon ao alcalde a necesidade de reforzar o mantemento e a conservación renovando a sinalización, o pintado de rúas e prazas de estacionamento, ordenando o aparcamento de camións, etc. No eido da mobilidade, tamén formularon peticións en puntos concretos próximos á estrada N-525 e vinculados ao paso de peregrinos para minimizar riscos e mellorar a seguridade.
Ademais, tamén acordaron traballar conxuntamente na revisión das medidas de seguridade e emerxencias para facer fronte a posibles catástrofes, revisando a posibilidade de contar cun depósito de auga común que poidera utilizarse no caso de declararse un incendio nalgunha nave do polígono.
Ademais do presidente da AEDEZA, a este encontro celebrado no despacho da Alcaldía acudiron o tesoureiro, José Luis Lamas; as vogais responsables do comercio, Jéssica González e Sandra Vilar; e a secretaria técnica da asociación, Chus García.
Precisamente, as responsables do sector do comercio abordaron co rexedor o calendario de desenvolvemento da campaña dos Bonos Comercio, que se divulgará no seu debido momento; a necesidade de coordinar a programación das Aldeas de Nadal coa campaña de Nadal do Centro Comercial Aberto de Lalín; e trasladáronlle a petición de suplementar os fondos do convenio de colaboración Concello de Lalín-AEDEZA para o exercicio de 2027 para poder desenvolver máis accións de dinamización e formación para o comercio e a hostalaría. Neste senso, tamén solicitaron que se avalíe a posibilidade de instrumentar subvencións directas desde o concello para axudar aos establecementos a modernizarse en eidos como a iluminación, o escaparatismo, etc.








