A asemblea xeral da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) aprobou onte, co apoio unánime da vintena de socios/as presentes, todos os puntos que figuraban na orde do día: a memoria de actividades e as contas do exercicio de 2023, os orzamentos para 2024 e a proposta de actualización das cotas de afiliación.
En relación con este último punto, o presidente da AEDEZA, David Campos, agradeceu o apoio dos socios/as para que o colectivo “reforce a súa autonomía financeira para poder ofrecer máis e mellores servizos”, tras 11 anos sen que as cotas experimentaran ningún incremento. “Nesta década subiu moito o nivel de vida en xeral e os custos da AEDEZA non son unha excepción, polo que esta actualización das cotas era imprescindible para garantir a sostibilidade económica da asociación”, sinalou.
O acordo apoiado pola totalidade dos socios/as presentes establece as seguintes cotas: para as empresas de 0 a 5 traballadores, 25 euros ao mes; para as de 6 a 20 traballadores, 45 euros ao mes; para as de 21 a 50 traballadores, 70 euros ao mes; e para as de máis de 50 traballadores, 75 euros ao mes. Ademais, a asemblea xeral acordou que no futuro o importe destas cotas actualizarase cada ano automaticamente conforme ao IPC.
“Son unhas cotas razoables para todos os servizos que poñemos a disposición dos socios/as, que poden sacarlle moita rendibilidade a estar afiliados á AEDEZA. De feito, as empresas da comarca que non están asociadas están a perder cartos”, enfatizou Campos.
Perdas en 2023 e previsión de beneficios para 2024
A actualización das cotas saiu adiante despois de que o tesoureiro da AEDEZA, Manuel Salgueiro, explicara as contas de 2023, que rexistraron unhas perdas de 22.034 euros. Pola súa parte, os orzamentos para 2024 aprobados onte, tamén por unanimidade, prevén uns beneficios de 29.000 euros, resultantes duns ingresos de 507.000 euros e uns gastos de 478.000 euros.
No capítulo da previsión de gastos, as partidas máis contiosas son as de persoal, docentes e cargas sociais (140.000 €), o Programa Integrado de Emprego (125.000 €), as actividades dinamización (60.000 €), o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano (56.000 €) e a formación e os servizos para os socios/as (45.000 €). Pola súa parte, na previsión de ingresos para o presente exercicio destacan o Programa Integrado de Emprego (165.000 €), as cotas dos asociados/as e as aportacións para campañas (130.000 €) e o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano (70.000 €).