A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) abrirá desde mañá ata o día 11 de xullo o prazo de selección dos 12 mozos/as que poderán beneficiarse do programa “Xuventude Mentoring na Empresa”, recentemente concedido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, cunha achega de 100.000 euros, para reforzar a empregabilidade e as habilidades competencias profesionais da mocidade.
Este programa, impulsado pola Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027, posibilitará que unha ducia de persoas mozas maiores de 18 anos e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) poidan realizar estadías formativas de tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.
Os requisitos que deben cumprir os mozos e mozas que queiran inscribirse neste programa son os seguintes: ter feitos os 18 anos, levar polo menos un ano empadroado en Galicia, estar inscritos no SNGX e cumprimentar antes do día 11 de xullo o formulario de inscrición existente na páxina web da asociación: www.aedeza.gal.
Aqueles/as que sexan aceptados/as,recibirán unha bolsa de formación de 690,67 euros mensuais, que poderá verse incrementada en 100 euros nos casos de persoas con discapacidade e outros 100 euros cando a estadía non sexa no seu concello de residencia. Ademais, recibirán unha formación complementaria de 60 horas lectivas e apoio e titorización durante as estadías.
En canto ás empresas nas que os mozos/as participantes poderán realizar as estadías formativas, deben pertenecer a algún dos 11 sectores que a Xunta de Galicia considera estratéxicos: agroalimentación, automoción, biotecnoloxía, enerxías renovables, madeira/forestal, metal, naval, pedra natural, téxtil/moda, tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) e calidade de vida e benestar. As empresas destes sectores que estean interesadas en acoller aos mozos/as participantes deberán contactar coa AEDEZA a través do correo electrónico asociacion@aedeza.com ou no teléfono 986 78 70 91.
Catro obxectivos prioritarios
Este programa “Xuventude Mentoring na Empresa” promovido pola Dirección Xeral de Xuventude persegue catro obxectivos específicos: potenciar a educación non formal na que as persoas mozas poden adquirir os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual, achegar ás persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal, crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil y favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.








