A sede da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) acollerá durante os meses de abril, maio e xuño un “Programa de xestión comercial avanzada” coordinado pola firma Elige Formación e dirixido aos membros dos equipos de vendas das empresas asociadas: comerciais, directores comerciais e xerentes.
O obxectivo deste programa é que os equipos de vendas poidan mellorar o seu rendemento e os resultados comerciais a través das seguintes fórmulas: deseño dunha proposta atractiva e axustada ás necesidades, gustos e preferencias dos clientes; utilización eficaz da información como base para a planificación e a xestión; mellora do “cara a cara” co cliente con habilidades técnicas de venda de éxito probado; e sendo percibidos polos clientes como a súa mellor opción.
O ”Programa de xestión comercial avanzada” está estruturado en seis módulos de 7,5 horas de duración cada un, podendo cursarse o programa completo, cun custo de 1.600 euros máis IVE, ou ben cada un dos seminarios de forma independente, cun custo de 300 euros máis IVE cada un. As sesións serán presenciais na sede da AEDEZA e desenvolveranse en xornada completa, en horario de 9.30 a 14.30 e de 16.00 a 18.30 horas -incluíndo xantar en grupo, de 14.30 a 16.00 horas-, co seguinte calendario: o xoves 11 de abril, o profesor Doroteo González impartirá o módulo “Xestionar a carteira de clientes para mellorar os resultados comerciais”; o martes 23 de abril, o profesor Juan Ignacio Pérez-Martín impartirá o seminario “Prospección, acollida e cualificación da oportunidade”; o xoves 9 de maio, o profesor Doroteo González impartirá o módulo “Do orzamento económico á proposta comercial de valor”; o xoves 23 de maio, o profesor Jesús Negreira impartirá o seminario “Como construír unha relación co cliente a través da negociación comercial”; o xoves 12 de xuño, o profesor Juan Ignacio Pérez-Martín impartirá o módulo “Neurovenda e como lograr unha experiencia de cliente diferencial”; e por último, o xoves 20 de xuño, a profesora Teresa Molezún impartirá o seminario “A intelixencia emocional aplicada ao profesional comercial”.
As persoas interesadas en inscribirse neste programa deberán facelo a través da páxina web de Elixe Formación, na ligazón Inscripción (eligeplus.com)