As instalacións da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) acollen esta semana dúas actividades informativas relacionadas coas problemáticas específicas das empresas familiares e coa sostibilidade nos proxectos de emprendemento.
A primeira das actividades, que terá lugar o mércores de 18.00 a 19.00 horas, está organizada polo Club Financeiro de Santiago e consistirá na presentación da Escola Galega de Conselleiros (ESGACO), unha iniciativa impulsada en 2024 para fomentar a formación dos conselleiros/administradores da empresa familiar galega e que celebrará a súa segunda edición en Santiago entre os vindeiros meses de marzo e maio.
Esta sesión introdutoria contará coa participación de profesionais do despacho Garrigues e pretende orientar aos conselleiros/administradores de empresas familiares sobre as responsabilidades que asumen, a problemática da sucesión e outros aspectos como a financiación, a internacionalización, os recursos humanos ou a dixitalización. As persoas interesadas en asistir a esta presentación deben confirmar a súa presenza enviando un correo electrónico ao enderezo info@clubfinancierodesantiago.com.
Por outra banda, o xoves entre as 17.50 e as 20.00 horas está programada unha xornada informativa sobre a integración da sostibilidade nos proxectos de emprendemento, organizada pola consultora Alén e o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda. Para inscribirse nesta actividade débese contactar coa AEDEZA a través do teléfono 986 78 70 91 ou enviando un correo electrónico a asociacion@aedeza.com.