A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) ten aberto o prazo de selección de participantes para o novo Programa Integrado de Emprego (PIE) 2023/24 concedido pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, que permitirá formar a un total de 100 persoas e que esixe un índice mínimo de inserción laboral do 45%.
En palabras do presidente da AED, David Campos, a concesión deste novo PIE chegou tras “o éxito indiscutible do PIE anterior”, xa que a AED pechouno tras axudar a 72 participantes a atopar un posto de traballo que cumpría os requisitos da normativa PIE para ser considerados insercións válidas. Ademais, ao longo do programa chegaron a traballar nalgún momento un total de 88 participantes.
En canto á selección do alumnado do novo PIE, os colectivos destinatarios son: desempregados de longa duración, mulleres en xeral, persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, menores de 30 anos de idade con baixa cualificación, maiores de 45 anos de idade e menores de 30 anos de idade cualificados.
O itinerario formativo do novo PIE inclúe unha trintenta de accións formativas, entre as sesións de traballo individual (elaboración do perfil ocupacional, mellora do currículo, prospección de empresas, etc.), a formación do catálogo SEPE (Office, Excel avanzado, contabilidade, xestión básica de almacéns, etc.) e outra formación (manipulación de alimentos, Preveción de Riscos Laborais nivel básico, bo manexo das redes sociais na busca de emprego, etc.).
Ademais, o PIE 2023/24 ofrece a posibilidade de realización de prácticas profesionais en empresas, medidas de conciliación, unha bolsa de asistencia diaria de 10 euros e pon a disposición do alumnado a Aula Dixital da AED.