A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín presentaron hoxe a campaña de dinamización para o Nadal, que inclúe un sorteo de 10.000 euros en vales de compra (1 vale de 1.000 euros e 30 vales de 300 euros) e unha ducia de accións lúdicas, culturais e comerciais.
Nesta ocasión, a campaña desenvolverase entre os días 11 de decembro e 5 de xaneiro, un período no que os comercios afiliados acordaron que os domingos 24 e 31 de decembro abrirán con horario ininterrompido desde as 11.00 ata as 18.00 horas. Ademais, os establecementos lucirán decoración con tonos brancos e dourados, con novos elementos elaborados por usuarios de Aspadeza e recuperando o abeto e o maceteiro, a coroa de Nadal e a guirnalda con luces de anteriores ocasións. A AED tamén activará do 15 de decembro ao 6 de xaneiro a música ambiental en oito rúas céntricas: Principal, Colón, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, Luis González Taboada, Calzada, Alcalde Ferreiro e Antonia Ferrín Moreiras. O horario de funcionamento será de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
Entre as novidades desta campaña destaca por unha banda a apertura dunha ludoteca infantil -para nenos/as de 6 a 12 anos- nun baixo da Praza da Igrexa, desde o venres 22 de decembro ata o venres 5 de xaneiro, ambos días incluídos. O horario de funcionamento será de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, agás os domingos 24 e 31, que será de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 18.00 horas. Para deixar aos cativos/as na ludoteca, os pais/nais/titores deberán presentar na entrada o boleto da ludoteca que lle entregarán os comercios asociados polas súas compra e máis o ticket de compra.
“Corentena”, con Touriñán e Perdomo
Outra acción novidosa é a programación do espectáculo de humor “Corentena”, de Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo, o sábado 23 de decembro no Salón Teatro, con dobre función ás 20.00 e ás 22.30 horas. As entradas sairán á venda on line o luns día 4 e os comercios afiliados á AED sortearán un total de 100 entradas dobres, 50 para cada función, entre os clientes que realicen compras.
Entre as actividades lúdicas previstas figuran circo o día 16 de decembro, contacontos o día 22, unha Festa do Nadal o día 23, un espectáculo de maxia o día 29, a Festa de Fin de Ano o día 31 e un espectáculo de títeres o día 4 de xaneiro. Por outra banda, aqueles comercios que queiran entregar aos clientes entradas para un Tiovivo poderán xestionar a compra a través da AED para adquirilas a mellor prezo.
Envío de paquetes e concurso de escaparates
Dúas accións de anteriores edicións que tamén terán continuidade este ano entre os comercios asociados son o envío gratuíto de ata 20 paquetes a través da firma asociada MRW e o Concurso de Escaparates, no que o xurado valorará a orixinalidade a innovación, a iluminación comercial e a exposición do propio produto.
Finalmente, o broche de ouro da campaña será o día 5 de decembro co sorteo dos 10.000 euros en vales de compra entre as rifas entregadas polos comercios participantes. Este sorteo realizarase despois da recepción dos Reis Magos e será presencial, polo que as persoas cos números premiados deberán presentarse nese momento para reclamar o premio. Entregaranse un vale de compra de 1.000 euros e 30 vales de 300 euros, todos eles para gastar nos comercios asociados.