Skip to main content
Actualidade

A AED celebrará a Noite Branca os días 17 e 18 e rematará cun concerto de Herdeiros da Crus

By 11/06/2022Xuño 17th, 2022No Comments

A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín presentaron este mediodía na Praza da Igrexa de Lalín as actividades da nova campaña de dinamización da Noite Branca, que se celebrará os vindeiros días 17 e 18 de xuño e que contará coa participación de máis de 80 comercios asociados.

O encargado de adiantar a programación foi o presidente en funcións da AED, Antonio Lamas, que neste último acto como máximo responsable da asociación tamén estivo arroupado polo futuro presidente, David Campos; o alcalde de Lalín, José Crespo; a concelleira de Comercio, Karen Fernández; a secretaria técnica da asociación, Chus García; e varios comerciantes.

Antonio Lamas explicou que a Noite Branca “en realidade serán dúas noites”, xa que se ben a campaña promocional máis intensa realizarase durante o venres 17, para o sábado 18 ás 23.00 horas na Praza da Igrexa está previsto como “broche de ouro” un concerto gratuíto do grupo Herdeiros da Crus. “Ogallá o tempo acompañe e sexa para o comercio a mellor Noite Branca de todas cantas se teñen organizado nos últimos anos”, apuntou.

En canto ao venres 17, ademais das promocións especiais e dos “importantes descontos” que ofrecerán, os máis de 80 comercios participantes lucirán adornos elaborados por Aspadeza e moqueta no exterior. “Recomendámoslle aos comerciantes que ese día vistan de branco”, engadiu Lamas.

Compra mínima de 10 euros para participar nos sorteos

Ademais, aqueles clientes que realicen unha compra mínima de 10 euros recibirán unha tarxeta para selar ao realizar compras polo menos en dous establecementos. Dita tarxeta deberase depositar nunha urna da AED ubicada na Praza da Igrexa e, entre as 17.15 e as 23.00 horas, entrarán no sorteo dunha tarxeta de compra de 250 € cada 15 minutos ata repartir un total de 6.000 € en premios. Unha vez realizado cada sorteo, o persoal da AED notificarallo telefonicamente á persoa agraciada, que disporá de 30 minutos para achegarse a recoller a tarxeta e que deberá gastar os 250 € nos comercios afiliados á AED entre o que reste da tarde do venres ou na xornada do sábado. “Pensamos que fixar un prazo tan curto mobilizará xa eses cartos na propia fin de semana da Noite Branca”, salientou Lamas.

Para atraer máis xente a Lalín, desde a AED tamén se programaron para o venres diferentes actividades complementarias, como a presenza dos Bolechas; obradoiros de parkour, fútbol freestyle e danza urbana; postos de xeado e flocos de millo; e actuación musicais, como a de Jorge Casal (Perros de Nadie) ou cuartetos compostos por músicos da Banda Xuvenil de Lalín ou da Banda de Música Municipal.

Crespo: “Lamas foi un gran presidente”

Na súa intervención, o alcalde de Lalín resaltou a “política nada intervencionista” do goberno local, que avoga por “buscar partners que traballen e colaboren co concello e teñan ideas propias”, un modelo  de colaboración do que “a AED é o mellor exemplo” e que xa deu “moi bos froitos” coa Feira do Mel, o Motococido ou o Campionato Mundial de Enduro. “Alí onde haxa un lalinense con boas ideas e iniciativa, alí vai estar o goberno local para apoialo”, asegurou.

Por último, Crespo felicitou a Antonio Lamas “porque foi un gran presidente, que fixo as cousas con sentido e que tentou colaborar con todo e con todos”. “En nome do pobo de Lalín, douche as grazas por todo o tempo que lle adicaches á AED, tempo que tiveches que roubarlle aos teus negocios ou á familia ou ao ocio e por nada a cambio”, resaltou. Crespo tamén lle desexou “sorte” a David Campos, de cuxa candidatura dixo que “nace cun consenso importante, o que é bo para todo o mundo” e a quen emprazou para celebrar unha primeira reunión de traballo a vindeira semana.