Skip to main content
ActualidadeConvenios

A AED asina un convenio con Quality Consultores para reforzar o asesoramento aos socios sobre arbitraxe

By 27/02/2021Outubro 12th, 2021No Comments

O presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED), Antonio Lamas, e o conselleiro delegado do despacho Servicios Jurídicos y de Consultoría Quality Consultores, Robert Roca, veñen de asinar un convenio de colaboración que permite á asociación ampliar e mellorar a asistencia xurídica aos afiliados fundamentalmente no ámbito da arbitraxe mercantil. No acto de sinatura do acordo tamén estiveron presentes o vicepresidente da AED, David Campos, e a directora do Departamento de Consultoría de Quality, Susana Cortizo, que actuará como enlace do despacho coruñés na Comarca de Deza.

Segundo os termos do convenio, Quality Consultores prestaralle á AED un servizo de asesoramento xurídico gratuíto en todas as áreas (mercantil, medioambiental, laboral, fiscal e contable) e tamén atenderá de balde na sede da asociación as primeiras consultas xurídicas dos asociados, ben establecendo un día fixo por semana ou ben a través de cita previa. Ademais, o despacho ofrécelle a todas as firmas afiliadas descontos do 40% respecto dos seus honorarios habituais polos seus servizos de asesoramento.

Por outra banda, en virtude da súa condición de socio-colaborador, Quality Consultores cooperará coa AED na organización de xornadas, webinarios, obradoiros, seminarios e calquera outra acción formativa e informativa que poida resultar de interese para a AED e os seus asociados. En todos estes casos, a asociación facilitará gratuitamente as súas instalacións para o desenvolvemento destas actividades e fomentará a participación entre as firmas asociadas.