
O presidente da Asociación de Empresari@s de Deza (AED), David Campos, asinou esta tarde coa directora territorial do Banco Santander, Rocío Pazos Toba, un convenio de colaboración entre ambas entidades, en virtude do cal a propia asociación, os 370 afiliados e os seus traballadores poderán beneficiarse -tanto a título empresarial como particular- de condicións preferentes nos produtos e servizos financeiros que ofrece Banco Santander. No acto, celebrado na sede da AED, tamén estiveron presentes varios directivos da asociación e o director de zona de Banco Santander, Avelino Carballo Ríos.
O convenio establece que tanto a AED como todas as empresas e autónomos asociados e os seus traballadores disporán de “condicións absolutamente diferenciais no mercado” para a contratación dos produtos e servizos financeiros de Banco Santander, o que representa “unha vantaxe adicional” que lles permitirá ser máis competitivos. “Colaborar coa asociación máis representativa do tecido empresarial da Comarca de Deza é un exemplo de como Banco Santander quere aportar valor á sociedade galega e aos seus empresarios”, salientou Rocío Pazos.
Pola súa parte, David Campos destacou na súa intervención que con este acordo a AED pasa a ter en vigor un total de 15 convenios con empresas e entidades de diferentes ámbitos, como o subministro de combustible, o pago electrónico en autoestradas, a prevención de riscos laborais, a xestión da protección de datos de carácter persoal, o asesoramento xurídico, a prevención da Covid, os servizos odontolóxicos, a elaboración de plans de igualdade, os servizos enerxéticos e a integración laboral de persoas con discapacidade. “Esta cifra incrementarase nas vindeiras semanas con novos convenios para seguir aportando valor engadido á totalidade dos socios”, avanzou.