Skip to main content
Actualidade

A AED aproba un orzamento para este ano de 389.000 € de ingresos, cun superávit de 4.000 €

By 07/06/2022Xuño 17th, 2022No Comments

Os/As socios/as da Asociación de Empresari@s de Deza (AED) que asistiron hoxe á asemblea xeral ordinaria aprobaron un orzamento para o exercicio de 2022 que ascende a 389.000 euros no capítulo de ingresos e que prevé un superávit de 4.000 euros ao quedar os gastos en 385.000 euros.

No apartado dos ingresos, o orzamento prevé 90.000 euros polas cotas dos asociados, 180.000 euros correspondentes ao Programa Integrado de Emprego (PIE), 57.000 euros do convenio de colaboración co Concello de Lalín, 22.000 euros dunha subvención para orientación laboral e 40.000 euros, dunha achega da Dirección Xeral de Comercio. En canto aos gastos, a partida máis contiosa é do PIE (140.000 euros), seguida dos gastos de persoal (100.000 €), os gastos en campañas (70.000 €), a formación e os servizos aos asociados/as (50.000), os gastos de funcionamento (20.000 €) e os gastos de hipoteca (5.000 €).

No ámbito económico, os asistentes á asemblea xeral tamén aprobaron o balance do exercicio de 2021, que ascendeu a 522.611,33 euros, así como as contas do pasado execicio, que rexistraron unhas perdas de 38.032,66 euros por mor da decisión da xunta directiva da AED de non cobrarlles aportacións aos comercios para as campañas de dinamización “para axudalos a saír da crise derivada da pandemia). “O ano pasado, tendo en conta que o comercio local foi un dos sectores máis prexudicados pola pandemia, decidimos ser solidarios e non cobrarlles ningunha aportación para as diferentes campañas de dinamización, que si se seguiron facendo. Precisamente, polo feito de que os premios dos sorteos non entraban en ningunha liña de subvencións fíxonos asumir ese importe descadrándonos as contas. Aínda así, iso só significa que pechamos o ano 2021 en negativo, pero a AED é unha entidade que goza de boa saúde económica”, explicou o presidente en funcións, Antonio Lamas.

Por outra banda, Lamas aproveitou esta última asemblea xeral como presidente para despedirse dos asociados “coa satisfacción do deber cumplido, pero tamén con certa tristura e cun profundo agradecemento a moita xente”.